Medio Rural salienta o récord de produción de mel de calidade certificada e compromete un reforzo á súa promoción
A conselleira do Medio Rural participou hoxe nunha mesa redonda dentro da programación do acto de presentación da nova imaxe de marca Da IXP Mel de Galicia, o selo que garante orixe, calidade, identidade e territorio
Esta IXP acadou en 2025 unha produción de mel certificada de preto de 370.000 quilos, o seu máximo histórico, cun valor de máis de 3,3 millóns de euros
Destacou tamén a convocatoria de apoios á apicultura, dotada este ano con 1,4 millóns de euros, coas que se busca mellorar a competitividade do sector
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nunha mesa redonda dentro acto de presentación da nova imaxe de marca da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, celebrado en Santiago. Nela destacou o récord de produción de mel de calidade certificada e comprometeu un reforzo á súa promoción.
A conselleira incidiu na importancia do sector apícola galego nos mercados, xa que Galicia é unha das principais produtoras de mel de España grazas ao bo facer dos apicultores. Neste senso, destacou a calidade deste produto que se ve amparado pola IXP Mel de Galicia que, no pasado ano, acadou unha produción certificada de preto de 370.000 quilos de mel -o seu máximo histórico- valorados en máis de 3,3 millóns de euros. Neste senso, defendeu a importancia da etiquetaxe deste selo como garante orixe, calidade, identidade e territorio no produto que obteñen os consumidores.
Asemade, reafirmou a aposta do Goberno galego pola promoción dos produtos amparados por selos de calidade. De feito, a Consellería do Medio Rural conta co Plan Saborea Calidade Diferenciada, ao que este ano se destinan 10 millóns de euros, dous máis que en 2025, para promover actividades de promoción nos diferentes mercados deste tipo de produtos.
A maiores, tamén lembrou as axudas á apicultura convocadas este mesmo ano cun orzamento de 1,4 millóns de euros co obxectivo de mellorar a competitividade deste eido produtivo. A través destas achegas financiaranse investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúen a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose; actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción; e a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.
Nova imaxe da IXP Mel de Galicia
Este evento serviu para presentar a nova identidade da IXP Mel de Galicia, a través da cal o Consello Regulador busca construír un relato común, recoñecible e atractivo, que acompañe o mel desde a colmea ata a mesa. Este novidoso logo conta coa abella como símbolo central, cunha g de Galicia integrada na súa cabeza e os trazos baixo esa letra evocan o voo, o zunido e a pinga do mel en movemento. En definitiva, mestura naturalidade e identidade nun só elemento.
Esta nova imaxe adáptase aos novos tempos para afrontar futuro, que tamén pasa por achegarse aos consumidores. O seu obxectivo é que saiban identificar o mel certificado, así como ampliar a introdución deste produto na distribución nacional.