A Xunta e O Pino colaboran no fomento da mobilidade de terras e a mellora dos camiños rurais do municipio
A conselleira María José Gómez reuniuse esta tarde co alcalde desta localidade, Manuel Taboada, para avanzar nestes e noutros asuntos de interese para o agro deste concello
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta tarde co alcalde do Pino, Manuel Taboada, para avanzar na colaboración entre a Xunta e o Concello a prol das necesidades do agro neste municipio. Así, entre outras cuestións de interese, avaliouse a cooperación en materia de mobilidade de terras mediante instrumentos como as concentracións parcelarias.
O impulso deste tipo de procesos, así como das ferramentas desenvolvidas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, constitúen unha das liñas de traballo fundamentais da Xunta para facilitar a ampliación da base territorial das explotacións, co fin de potenciar a súa competitividade. Neste sentido, cómpre lembrar que Medio Rural destina este ano ás reestruturacións parcelarias en toda a nosa comunidade un total de 16,7 millóns de euros, case catro millóns máis con respecto ao 2025.
Asemade, neste encontro entre a conselleira e o rexedor municipal tamén se tratou o traballo conxunto por parte de ambas administracións para mellorar as infraestruturas do concello e, máis concretamente, os seus camiños rurais. Neste sentido, cómpre lembrar que O Pino tivo aprobada unha axuda máxima de algo máis de 70.000 euros dentro do Plan Camiña Rural da Consellería para o período 2025-2026, destinados á posta en valor e acondicionamento de vías no seu termo municipal.