O conselleiro de Sanidade asistiu esta tarde en Santiago de Compostela á proxección do documental 'Expedición Mental', dirixido por Rubén Riós

Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta pola saúde mental e pola prevención do suicidio a través da sensibilización social e a educación emocional

Pon en valor a repercusión das iniciativas culturais para chegar á poboación e abordar con rigor e sensibilidade unha realidade tan complexa como a saúde mental

O documental emprega o Camiño de Santiago para expor a realidade da saúde mental desde a perspectiva dos pacientes e dos profesionais sanitarios

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu esta tarde á proxección do documental Expedición Mental, un acto no que subliñou a aposta da Xunta pola saúde mental e a prevención do suicidio a través da sensibilización social e a educación emocional.

Dirixido por Rubén Riós, o documental emprega o Camiño de Santiago para achegar a realidade da saúde mental desde a perspectiva dos pacientes e dos profesionais sanitarios.

Neste sentido, e tras o visionado da obra, o responsable autonómico puxo en valor a repercusión das iniciativas culturais para chegar á poboación e abordar con rigor e sensibilidade unha realidade tan complexa como a saúde mental.

“Este documental consegue algo moi valioso: falar con claridade, con rigor e con humanidade dun tema que durante anos permaneceu silenciado e baixo a sombra do estigma”, referiu Gómez Caamaño, ao tempo que apuntou o acertado de empregar o Camiño de Santiago como metáfora do proceso que atravesa un paciente pois “a saúde mental é tamén un camiño que require escoita e comprensión”.

Expedición Mental emprega os 1.000 quilómetros do Camiño do Norte, como eixe narrativo para falar da saúde mental. Así, durante o roteiro  pacientes e profesionais da saúde mental e pacientes comparten as súas experiencias co obxectivo de axudar a outras persoas que atravesen por situacións semellantes.

O evento contou cun coloquio no que representantes institucionais e expertos sanitarios reflexionarán sobre a necesidade de fomentar o diálogo ao redor da concienciación social, a promoción do benestar emocional e a prevención do suicidio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026