O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria presentou o foro 'Silver Economy: El poder de la generación infinita'

A Xunta aposta polo envellecemento activo como eixo principal no modelo de coidados galego

Antón Acevedo destacou que unha das prioridades da Xunta é facer de Galicia “unha comunidade na que vivir máis e mellor”

Ourense, 26 de febreiro do 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, defendeu esta tarde o modelo de coidados galego que aposta como un dos eixos principais polo envellecemento activo. Así o destacou despois de presentar o foro Silver Economy: El poder de la generación infinita, que organiza o diario La Región en Ourense.

Neste sentido, explicou que nun contexto como o actual no que a esperanza de vida segue aumentando e o territorio galego rexistra unha das maiores taxas de lonxevidade do país, unha das prioridades da Xunta é facer de Galicia “unha comunidade na que vivir máis e, sobre todo, mellor”. Por iso, recalcou que é fundamental investir e impulsar políticas públicas que fomenten o envellecemento activo como garantía de benestar.

Deste xeito, Acevedo puxo en valor a creación de espazos de reflexión coma este foro, que permiten intercambiar experiencias e poñer en valor as necesidades dos maiores de xeito profesional. Polo que, reafirmou o compromiso da Xunta con todas as iniciativas que buscan garantir o benestar dos maiores.

Data de actualización: 26/02/2026