A Xunta aproba o proxecto de expropiación dos terreos do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución definitiva deste trámite, cumprindo co compromiso de completar o expediente antes de que remate 2026

Ao abeiro deste procedemento, o Goberno galego adquirirá as 15 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes por un importe de case 242.000€

A superficie inclúe o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos máis importantes de Galicia que conta coa máxima protección patrimonial da Xunta ao iniciarse, en maio de 2025, o proceso para declaralo BIC

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de aprobar o proxecto de expropiación dos terreos do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. Así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, onde se recolle a resolución definitiva deste trámite iniciado o pasado ano dando cumprimento así ao compromiso de completar o expediente antes de que remate 2026.

Tal e como se recolle na resolución, ao abeiro deste procedemento, o Goberno galego adquirirá as 15 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes por un importe de 241.962,43 €. Trátase dunha superficie incluída nas 20 hectáreas do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e na que se inclúe o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos máis importantes de Galicia.

Cómpre lembrar que o trámite publicado hoxe chega despois do acordo asinado o pasado mes de setembro polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, co representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, propietarios dos terreos, para iniciar o procedemento da expropiación amigable e a declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos.

Ben representativo do patrimonio arqueolóxico

O Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse iniciado, en maio do pasado ano, o expediente de incoación para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural.

Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente aínda en marcha destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.

Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.

Data de actualización: 27/02/2026