A Xunta formaliza o acordo cos concellos de Culleredo e da Coruña para a prestación do servizo de taxi no aeroporto de Alvedro

O conselleiro Diego Calvo asinou co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o convenio para a implantación dun réxime específico entre ambos os municipios neste aeroporto a partir do 16 de marzo

Preténdese así dar resposta á demanda actual do servizo de taxi no aeroporto e ofrecer unha atención óptima ás persoas usuarias desta infraestrutura

Culleredo (A Coruña), 27 de febreiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asinou hoxe co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o convenio para permitir que poidan prestar servizo de taxi no aeroporto de Alvedro, situado no Concello de Culleredo, tanto titulares de licenzas domiciliadas neste concello como no da Coruña.

Así, a partir do 16 de marzo establécese un réxime específico de prestación do servizo de taxi neste aeroporto por parte de taxistas de ambos os municipios, ao ser un lugar de interese xeral e consonte á Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Segundo o acordo asinado hoxe, o número de taxis que prestarán servizo no aeroporto será de 35, 30 deles con licenza de Culleredo e cinco da Coruña, que prestarán o servizo en igualdade de condicións. En concreto, o servizo prestarase por unha quenda formada por 10 taxis de Culleredo e cinco da Coruña. Operarán tras eles as restantes licenzas de taxis de Culleredo.

Ademais, crearase unha bolsa de reforzo formada por 30 licenzas de taxi do concello da Coruña, que agardarán na zona de reserva habilitada para colaborar no momento no que non houbese taxis dispoñibles na parada da terminal aeroportuaria. O resto de taxis da Coruña que acudan ocupados a deixar persoas viaxeiras no aeroporto de Alvedro poderán tamén recoller viaxeiros no caso de non haber taxis de quenda ou de reserva dispoñibles.

Os concellos asinantes serán os encargados de determinar os vehículos concretos que integren as quendas, do que deberán estar informados a Xunta, ambos os concellos e as asociacións locais de taxis. As quendas comezarán 15 minutos antes da hora oficial de chegada do primeiro voo e rematarán co peche do aeroporto. O acordo asinado hoxe prolongarase por catro anos prorrogables por outro período igual.

Resposta á demanda e mellor atención

Segundo sinalou o conselleiro, con este acordo, o primeiro destas características en Galicia, a Xunta quere reforzar a seguridade xurídica e dar cobertura á demanda actual do servizo de taxi no aeroporto, ademais de ofrecer unha atención óptima ás persoas usuarias de Alvedro ao tempo que se garante a prestación do servizo no resto de ambos os termos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026