O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou nun encontro coa Asociación de Empresarios de Redondela

A Xunta salienta en Redondela os apoios autonómicos ao comercio para fortalecer este sector como clave na xeración de emprego e dinamización do territorio

González salientou o labor que está a facer o Goberno galego ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización, a competencia das plataformas tecnolóxicas ou a remuda xeracional

Destacou o decreto de microcredenciais como fito clave do novo enfoque autonómico de formación para o emprego, máis áxil, flexible e conectado coas empresas

Tamén puxo de relevo outras medidas en marcha como o Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas (8,5 M€) que apoia a posta en marcha de accións formativas adaptadas á demanda do tecido produtivo con compromiso de contratación

No eido dos incentivos á contratación para as empresas, lembrou que esta aberta a orde de 19,7 M€ que prioriza por primeira vez a contratación de persoas desempregadas previamente formadas ao abeiro das ordes autonómicas

Redondela (Pontevedra), 27 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor a folla de ruta da Xunta a prol dunha Galicia que forma, retén e suma talento; que aposta polo emprendemento ligado ao territorio e que entende o comercio local como un piar económico e social esencial. Neste último eido, puxo de relevo o labor que se está a facer ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización, a competencia das plataformas tecnolóxicas ou a remuda xeracional.

Así o destacou na xuntanza mantida hoxe con representantes da Asociación de Empresarios de Redondela, boa parte deles do comercio. Alí tamén destacou os apoios autonómicos ao sector comercial para avanzar nestes retos como os orientados á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental do tecido comercial, ás que este ano se destinan preto de 4M€. Tamén as axudas para impulsar o labor de dinamización dos centros comerciais abertos, das que a convocatoria deste ano, dotada con 2,5 M€, está aberta ata o 12 de marzo. A elas súmanse as que son para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes (2,3 M€).

Ademais, José González fixo fincapé na importancia da formación no ámbito do comercio para promover a profesionalización do sector. Un eido no que o Goberno galego potenciará accións formativas flexibles e de curta duración. Tamén puxo en valor a imaxe propia que a Xunta impulsou a prol do comercio local.

Formación para o emprego

O conselleiro tamén destacou o labor da Xunta a prol dun modelo de formación para o emprego máis áxil, flexible e plenamente conectado co tecido produtivo. Neste ámbito salientou como fito clave a recente publicación do decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Este novo marco permitirá que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais poidan deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir microcredenciais adaptadas ás súas necesidades específicas, sempre baixo a supervisión da Xunta, que garante a calidade e homologación destas certificacións.

No marco deste mesmo enfoque, José González destacou outras medidas en marcha, como o programa Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas, dotado con 8,5 millóns de euros, que apoia a posta en marcha de accións formativas adaptadas ás demandas específicas do tecido produtivo e que inclúe un compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado. Estas axudas poden solicitarse ata o 1 de decembro ou ata o esgotamento do crédito.

Pechar o círculo da empregabilidade

O titular de Emprego tamén puxo o acento nunha das liñas mestras da Consellería: pechar o círculo da empregabilidade, reforzando a conexión directa entre formación e emprego. Neste sentido, lembrou que xa están dispoñibles os apoios á contratación do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7 M€, para favorecer a incorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción.

Como novidade, darase prioridade ás persoas que recibisen previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos —como os obradoiros duais ou os programas integrados de emprego —dos que precisamente a Asociación de Redondela foi beneficiaria o pasado ano—  fortalecendo así a coherencia entre as políticas formativas da Xunta e a contratación efectiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026