Mar explícalle de primeira man ao sector os detalles da novidosa orde de axudas para formación dirixidas a aumentar a súa cualificación
A estas achegas poden acollerse as confrarías e asociacións profesionais de reparación de redes e as súas federacións, organizacións de produtores, cooperativas do mar e demais asociacións constituídas por profesionais do ámbito
Dotadas con 800.000 € e, por primeira vez, de concorrencia non competitiva, promoven unha pesca rendible e competitiva mediante o desenvolvemento profesional e a mellora das capacidades e das condicións laborais
No marco desta iniciativa, posta en marcha no 2021, impartíronse 300 cursos, dos que xa se beneficiaron 4.000 persoas, moitas delas mulleres
Santiago de Compostela, 27 de febreiro do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo este venres un encontro telemático con distintas entidades do sector para explicarlles, de primeira man, as axudas habilitadas pola Consellería do Mar dirixidas a afondar na súa cualificación e profesionalización.
No mes de xaneiro, o Consello da Xunta deu o visto e prace ás bases desta novidosa orde para a formación dos traballadores do mar e que, por primeira vez, é de concorrencia non competitiva, e está deseñada de tal xeito para que as achegas poidan ser pedidas conforme as vaian necesitando os destinatarios (confrarías e as súas federacións, organizacións de produtores, cooperativas ou asociacións profesionais de reparacións de redes e as súas federacións, así como as demais entidades asociativas de profesionais xuridicamente constituídas).
Contan cun investimento de 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), e o prazo continuará aberto ata que se esgote o crédito ou ata o día 20 de outubro.
O obxectivo das mesmas é promover as condicións para un sector pesqueiro rendible e competitivo, mediante a mellora das capacidades, das condicións laborais e o desenvolvemento profesional. Tamén teñen como finalidade facer máis atractivo o sector, promover un uso máis eficiente dos recursos e xerar unha maior sensibilización e respecto polo medio ambiente.
Entre as accións subvencionadas inclúese formación específica marítima e náutico-pesqueira, cursos de mariñeiro pescador dirixidos a persoas interesadas en acceder ao sector, ademais das actividades orientadas á adquisición de mellora das competencias dixitais, vinculadas á innovación, á xestión empresarial, emprendemento, comercialización, seguridade alimentaria ou á xestión sustentable, entre outros.
300 cursos que mobilizaron 1,9 M€
No 2025 desenvolveranse 97 accións das que se beneficiaron 1.340 persoas. En total, desde o 2021 -ano no que se puxeron en marcha- e dentro dos períodos Femp e Fempa, estas axudas favoreceron o desenvolvemento de preto de 300 cursos que mobilizaron preto de 1,9 millóns de euros.
Desde esa data ata a actualidade, o número de persoas formadas co apoio da Xunta ascende a 4.000, destacando a elevada participación de mulleres, unhas 1.000.