O programa ‘IACOBUS’ promovido pola Xunta para impulsar a Cooperación Científica Transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal suma 163 candidaturas

Dos proxectos seleccionados, 113 correspóndense coa modalidade de Estancias de Investigación e 50 coa de Publicacións Científicas (‘Papers’)

A iniciativa xestiónase a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR NORTE) e a Fundación CEER

Conta cunha dotación de 200.600 euros e nel participan 41 entidades da eurorrexión, como universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e institucións de investigación en saúde

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

O programa IACOBUS, promovido pola Xunta a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR NORTE) e a Fundación CEER, suma na última convocatoria 163 candidaturas. A cifra reflicte a consolidación desta iniciativa estratéxica para o impulso da investigación científica na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal como plataforma clave para fomentar a cooperación académica, a mobilidade e o desenvolvemento de proxectos conxuntos entre institucións de ambos os territorios.

Na modalidade de estancias de Investigación foron seleccionadas 113 candidaturas, destinadas ao desenvolvemento de proxectos transfronteirizos de investigación científica nalgunha das entidades participantes no programa. Estas estadías permitirán impulsar iniciativas de alto impacto como a publicación conxunta de artigos científicos en revistas internacionais, a presentación de candidaturas conxuntas a programas europeos, a organización de eventos científicos, o lanzamento de novas liñas de investigación interinstitucionais e o fortalecemento da colaboración no ecosistema científico e tecnolóxico da eurorrexión.

Por outra banda, na categoría Publicacións Científicas (Papers) foron seleccionadas 50 candidaturas de artigos elaborados conxuntamente por investigadores de Galicia e do Norte de Portugal. Esta liña apoia a difusión do coñecemento científico en revistas indexadas no Journal Citation Reports (JCR), un dos principais referentes internacionais na avaliación da calidade e do impacto da produción científica.

Cómpre salientar tamén a nova iniciativa do programa, o Journal IACOBUS, a primeira revista científica da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, que recibiu sete artigos para o seu número inaugural. A publicación nace co obxectivo de difundir o coñecemento xerado na eurorrexión e reforzar a cooperación entre as institucións, co fin de afianzarse como un novo espazo de referencia para a colaboración académica transfronteiriza.

O programa IACOBUS ten cunha dotación de 200.600 euros e conta co apoio da Unión Europea a través do INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP). No programa participan 41 entidades da eurorrexión, entre elas universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e institucións de investigación en saúde.

Data de actualización: 27/02/2026