O director da Xera lembra que as axudas para actividades formativas que impulsen a industria forestal-madeira poden solicitarse ata o 13 de marzo
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou hoxe na apertura do curso organizado por Lugomadera sobre a aplicación dos procedementos catastrais ao sector forestal
Lugo, 27 de febreiro de 2026
Os apoios Xera_Savia para a organización de actividades de formación e divulgación que promovan e impulsen a industria forestal-madeira galega poden solicitarse ata o vindeiro 13 de marzo. Así o lembrou hoxe o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, na apertura do curso sobre procedementos catastrais no sector forestal, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo (Lugomadera).
Fernández Ríos salientou a aposta da Xera por apoiar actividades de formación e divulgación para asegurar a cualificación e capacitación profesional, adecuándoas ás novas tendencias e desafíos da industria forestal. Esta actividade formativa, afirmou, permitirá ao persoal técnico dedicado á xestión dos aproveitamentos forestais afondar nos procedementos catastrais para mellorar o seu desempeño.
O director da Xera sinalou que Lugomadera foi unha das entidades representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira que se beneficiou das axudas da Xera para a organización de actividades formativas que impulsen o coñecemento e a competitividade do sector.
Aberto o prazo de axudas da Xera
Fernández Ríos tamén lembrou que a Axencia Galega da Industria Forestal ten actualmente aberto o prazo para presentar solicitudes a outras dúas liñas de apoio. Por unha banda, poden solicitarse ata o vindeiro 13 de marzo as axudas Xera_Valor, que apoian a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract.
E, pola outra, as subvencións do programa Xera_Tecno, dirixidas a subvencionar investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais terán aberto o seu prazo de solicitudes ata o venres 20 de marzo.