O conselleiro de Sanidade, xunto co delegado territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, visitou a lavandería do Hospital de Calde, na que a Xunta investiu máis de 256.000 euros

Gómez Caamaño subliña o carácter punteiro da nova lavandería da área sanitaria de Lugo, preparada para procesar 1.000 quilos diarios de roupa

A lavandería industrial funciona como servizo centralizado e dá cobertura a todos os centros de atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Estímase que o novo servizo procesa entre 400 e 500 quilos de roupa ao día, estando preparada para duplicar esta capacidade

Prevese a ampliación do seu cadro de persoal para dar máis servizo ao propio Hospital de Calde

O Executivo galego investiu 50.000 euros nas obras de humanización das unidades de saúde mental, que tamén visitou hoxe o conselleiro

Lugo, 3 de marzo de 2026

 O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou esta mañá no Hospital de Calde o carácter punteiro da nova lavandería da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, un servizo que ten  capacidade para procesar 1.000 quilos de roupa diarios.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares, o responsable autonómico supervisou estas novas instalacións que contan con preto de 250 m2 e nas que a Xunta investiu un total de 256.600 euros, entre obra e equipamento.

A nova lavandería industrial funciona como servizo centralizado para dar cobertura á atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Así, entre as súas características principais destaca a súa capacidade operativa.

Procesa entre 400 e 500 quilos de roupa ao día, aínda que o seu equipamento está preparado para chegar a tratar 1.000 quilos diarios. Ademais prevese a ampliación do seu cadro de persoal para dar máis servizo tamén ao propio Hospital de Calde.

A nova lavandería alíñase coa Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde ao centralizar e facer máis sustentable o servizo de lavado, garantindo ademais os máis altos niveis de prevención de infeccións.

Espazos máis humanos para a saúde mental

Gómez Caamaño aproveitou a súa visita para supervisar tamén as recentes obras de humanización levadas a cabo nas unidades de saúde mental. Neste caso, o Executivo galego destinou unha partida de 50.000 euros a esta mellora.

O obxectivo principal desta actuación foi crear contornas máis amables, funcionais e seguras, tanto para os pacientes como para os seus familiares. Entre as melloras realizadas destacan a adaptación da sala de estar e o comedor na área de coidados residenciais, as reformas na área de coidados especiais ou a instalación de novo mobiliario para a almacenaxe de roupa persoal. Así mesmo, optimizáronse as zonas de descanso e apoio psicolóxico para as familias.

Gómez Caamaño concluíu a súa visita agradecendo o compromiso dos 84 profesionais que traballan no Hospital de Calde, así como o labor dos xefes de servizo de Psiquiatría e Coordinación de Servizos Técnicos, Paula Cores e Fermín Janeiro.

Data de actualización: 03/03/2026