A Escola Mestre Mateo da Xunta amosa o potencial creativo dos seus alumnos na Gala Despunte 2026

A Cidade da Cultura acolle mañá o desfile de coleccións de moda dos estudantes, nunha cita que congregará uns 700 convidados

A directora xeral de FP asistirá ao evento, que conta co respaldo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, da que depende este centro

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo amosa o potencial creativo do seu alumnado na tradicional Gala Despunte que congregará mañá na Cidade da Cultura a arredor duns 700 convidados entre representantes institucionais, da comunidade educativa, do tecido empresarial e profesionais do deseño.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, asistirá a esta cita que conta co respaldo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Non en balde, a Xunta, ademais de reforzar a EASD Mestre Mateo con novos itinerarios formativos, está a realizar unha forte aposta por impulsar os centros de ensinanzas artísticas, como é o caso deste centro compostelán, como polo tractor da canteira cultural e creativa de Galicia. Para iso puxo en marcha o Plan Educ-Art así como a feira InnovArt, esta última como un escaparate da calidade destas ensinanzas que se imparten na rede pública galega.

O evento, que vai pola súa décimo sexta edición, é unha oportunidade para que os estudantes de moda deste centro da Xunta dean a coñecer ante o público as creacións realizadas durante o curso académico. Farano a través dun desfile coa posta en escena de máis de 30 coleccións deseñadas polo alumnado de Deseño de Moda.

Implicación de todo o alumnado do centro

Un ano máis, o encontro está concibido como un proxecto multidisciplinar que implica o conxunto do alumnado da EASD Mestre Mateo; xa que os estudantes de Moda estarán asistidos polos seus compañeiros de Fotografía que se encargarán de cubrir o evento, mentres que os estudantes dos primeiros cursos de Moda colaborarán como persoal de apoio en tarefas de loxística, backstage e acomodación.

Ademais, os estudantes do ciclo formativo de grao superior de Técnicas Escultóricas da escola foron os encargados de deseñar o trofeo que se entregará aos galardoados cos Premios Despunte aos mellores traballos de fin de estudos dos graos en Deseño, aos proxectos finais dos ciclos superiores de Artes Plásticas e Deseño, e aos galadóns Fusión Artesanía e Moda, Deseño Circular, Miscelánea e A Lingua. Arte da Túa Terra.

Coma todos os anos, o desfile conta coa participación de destacadas firmas do sector téxtil como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull &Bear e Zara. Tamén colaboran a Fundación Cidade da cultura, a Fundación Eugenio Granell e o Instituto Lamas de Abade, que se encarga do peiteado e maquillaxe das modelos.  

A presente edición destaca tamén pa súa marcada proxección internacional, xa que coincide coa celebración dunha staff week do pograma Erasmus, que trae á Mestre Mateo docentes procedentes de institucións educativas do eido da artesanía, as artes e o deseño de Bosnia e Turquía. Así mesmo, a colección convidada da pasarela deste ano está representada pola deseñadora italiana Alice Vitali.

Data de actualización: 04/03/2026