O delegado territorial da Xunta en Ourense lembrou que está aberto o prazo de admisión para o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo
A Xunta inviste máis de 75.000 € nun ascensor no CEIP Virxe de Covadonga da cidade de Ourense
Manuel Pardo explicou que a finalidade desta actuación é mellorar a accesibilidade entre as diferentes plantas, dispoñendo para iso de catro paradas, capacidade para oito persoas, e adaptado para persoas de mobilidade reducida
O representante do Goberno galego fixo fincapé que “este investimento é un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”
Tamén lembrou que ata o día 20 de marzo permanecerá aberto o prazo para que as familias soliciten praza para o vindeiro curso escolar 2026-27 para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles
Ourense, 04 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao CEIP Virxe de Covadonga, na cidade de Ourense, para supervisar o remate das obras realizadas para a instalación dun ascensor, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu máis de 75.000 euros.
O delegado territorial explicou que esta actuación consistiu na dotación dun ascensor no interior do edificio coa finalidade de mellorar a accesibilidade entre as diferentes plantas, dispoñendo para iso de catro paradas, unha en cada unha das plantas do edificio (baixa, primeira, segunda e terceira). Nesta liña detallou que este ascensor eléctrico, situado no vestíbulo de entrada do colexio e que contará con capacidade para oito persoas, está adaptado para persoas de mobilidade reducida.
Manuel Pardo sinalou que para instalar o ascensor, realizáronse dous ocos nos chans das plantas baixa e primeira, na soleira e o forxado respectivamente, ademais da escavación do foxo. Ademais para completar a mellora da accesibilidade no edificio, na planta baixa proxectouse unha rampla para salvar a diferenza de nivel existente entre a cota de chan do patio e a do comedor.
Subliñou o representante do Goberno galego que esta intervención, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica “é un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”.
Apertura do prazo de admisión
Aproveitando a súa visita ao centro, o delegado territorial lembrou que ata o día 20 de marzo permanecerá aberto o prazo para que as familias soliciten praza para o vindeiro curso escolar 2026-27 para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.
Neste senso, concretou que unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 27 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.
Tamén recordou que se pon á disposición das familias unha ferramenta informática que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.
Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.