A Xunta sinala que a regulación das gardas farmacéuticas garante o acceso de toda a poboación en condicións de equidade territorial

A secretaria xeral técnica de Sanidade explicou no Parlamento que a planificación do servizo das gardas farmacéuticas se fai de xeito global e conxugando os intereses da poboación co necesario descanso dos profesionais e a súa conciliación

Subliña que a Xunta acordou declarar 29 zonas farmacéuticas como especiais atendendo ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias, de acordo cos criterios previamente consensuados cos colexios oficiais de farmacéuticos

Incide en que a Consellería de Sanidade verifica que o calendario de gardas aprobado polo respectivos colexios oficiais de farmacéuticos no marco das súas competencias, se axusta aos criterios de regulación establecidos na normativa

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, sinalou esta mañá que a regulación das gardas farmacéuticas garante o acceso de toda a poboación en condicións de equidade territorial, continuidade asistencial e sostibilidade.

A representante da Xunta respondeu, na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre as gardas das oficinas de farmacia.

Tal e como referiu no Pazo do Hórreo a secretaria xeral, a planificación do servizo de garda debe facerse desde un punto de vista global que conxugue, por un lado, os intereses da poboación á que vai dirixido e, por outro, o necesario descanso dos profesionais, así como a conciliación da vida laboral e familiar, que se verán máis favorecidos co establecemento dun réxime de rotación de quendas de garda no que participen un maior número de oficinas de farmacia, sempre dentro do respecto ao marco normativo de regulación.

Compromiso da Xunta coa garantía da atención farmacéutica

Segundo detallou Natalia Lobato, as características xeográficas e de dispersión poboacional de Galicia provocan que existan oficinas de farmacia en zonas farmacéuticas rurais que se atopan en situación de especial vulnerabilidade en canto á súa sustentabilidade, facendo perigar o mantemento do servizo nesas zonas.

En resposta a esta circunstancia, a Xunta acordou declarar 29 zonas farmacéuticas como especiais atendendo ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias, de acordo cos criterios previamente consensuados cos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

Trátase, pois, dixo Natalia Lobato, dunha mostra do compromiso da Consellería de Sanidade coa garantía da atención farmacéutica á poboación. Ademais, estase traballando no desenvolvemento deste acordo polo que se declararon 29 zonas farmacéuticas como especiais, coa finalidade de garantir a continuidade do servizo no rural.

Lembrou, ademais, que a Consellería de Sanidade, na súa posición de garante da adecuada cobertura da atención farmacéutica da poboación, verifica que o calendario de gardas, aprobado polo respectivos colexios oficiais de farmacéuticos no marco das súas competencias, se axusta aos criterios de regulación establecidos na normativa sobre ordenación farmacéutica; e analiza a situación concreta de cada zona, os seus datos xeográficos, demográficos e de densidade de poboación, aos efectos de verificar a correcta atención farmacéutica á poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026