O conselleiro de Sanidade visitou esta mañá a Unidade de Atención á Drogodependencia de Santiago de Compostela, integrada desde o pasado 1 de xaneiro no Servizo Galego de Saúde
Gómez Caamaño salienta que Galicia marcará mañá un antes e un despois na protección da saúde dos menores coa entrada en vigor dunha das leis contra as adiccións máis ambiciosas de Europa
A norma, que entrará en vigor este sábado, equiparará as bebidas enerxéticas ao alcol e os cigarros electrónicos ao tabaco
A Xunta culminou en xaneiro a integración administrativa das 13 Unidades de Atención á Drogodependencia no Servizo Galego de Saúde
Anualmente, as unidades de atención á drogodependencia prestan asistencia a máis de 7.100 pacientes en toda Galicia, poñendo á súa disposición todos os recursos humanos e materiais do sistema sanitario público
A Unidade de Atención á Drogodependencia de Santiago atende anualmente a preto de 1.000 persoas, dando servizo á poboación de 40 concellos
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou esta mañá que Galicia marcará mañá un antes e un despois na protección da saúde dos menores coa entrada en vigor dunha das leis contra as adiccións máis ambiciosas de Europa.
Así o apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta durante a visita á Unidade de Atención á Drogodependencia de Santiago de Compostela, na que estivo acompañado pola secretaria xeral de Sanidade, Natalia Lobato, e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
O conselleiro precisou que coa entrada en vigor da nova norma, mañá sábado, Galicia equiparará as bebidas enerxéticas ao alcol e os cigarros electrónicos ao tabaco.
Ao prohibir a venda de bebidas enerxéticas aos menores, Galicia sitúase á vangarda de Europa e convértese na primeira comunidade que regula esta materia en España, referiu Gómez Caamaño, ao tempo que apuntou que o obxectivo principal da lei é educar e concienciar á mocidade abordando as adiccións desde unha perspectiva integral.
Deste xeito, a comunidade galega engádese a países como Polonia ou Letonia na súa aposta por reforzar a protección da saúde xuvenil.
Integración no Sergas das Unidades de Atención á Drogodependencia
No transcurso da visita á Unidade de Atención á Drogodependencia de Santiago de Compostela, o conselleiro de Sanidade en valor o proceso de integración das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia no Servizo Galego de Saúde, que se fixo efectivo o pasado 1 de xaneiro.
Segundo explicou, o proceso de integración ten por obxecto unificar a xestión e ofrecer unha “asistencia integral”, ademais de garantir o correcto funcionamento destes dispositivos, aos que o Goberno galego destina un investimento de 4,8 millóns de euros.
As unidades de atención á drogodependencia atenden cada ano máis de 7.100 pacientes en toda Galicia, poñendo á súa disposición todos os recursos humanos e materiais do sistema público de saúde.
A unidade de Santiago de Compostela
O labor da Unidade de Atención á Drogodependencia de Santiago de Compostela é un claro exemplo da alta complexidade asistencial que ofrece a rede galega, contando con tres dispositivos: área de atención ambulatoria, unidade de día e taller ocupacional.
O seu cadro de persoal está integrado por un equipo multidisciplinar que inclúe profesionais da medicina, da enfermería, da psicoloxía e do traballo social. A unidade atende unha poboación de 352.000 habitantes de 40 concellos, axudando a preto de 1.000 persoas cada ano a superar as súas adiccións.
Gómez Caamaño agradeceu o esforzo dos profesionais desta unidades e fixo un chamamento á sociedade para implicarse na loita contra as adiccións como un reto prioritario de saúde pública.