Javier Arias destaca o apoio da Xunta ao sector automobilístico para avanzar na mobilidade sostible

O delegado territorial de Lugo participou no Pazo de Feiras na inauguración do Salón do Automóbil, que oferta vehículos novos esta fin de semana e de ocasión do 11 ao 15 de marzo

Lugo, 6 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou hoxe durante a inauguración do Salón do Automóbil de Lugo o apoio do Goberno galego a este sector para avanzar cara a unha mobilidade máis sostible.

Referiuse en concreto ao éxito do programa da Consellería de Economía e Industria ‘Renova o teu vehículo’, dotado con 3,5 millóns de euros e que estipula axudas de entre 3.000 e 4.600 euros para a adquisición de turismos e furgonetas. Explicou que o crédito para persoas físicas esgotouse en apenas un mes desde que abriu o prazo o 22 de xaneiro, pero aínda restan da orde de 80.000 euros de orzamento para as empresas e autónomos.

Arias sinalou que esta medida impulsa a renovación do parque automobilístico galego, un dos máis envellecidos de España, primando a compra de vehículos menos contaminantes. Os máis demandados foron os híbridos de gasolina -que representan máis da metade das solicitudes-, seguidos polos que empregan gases licuados de petróleo.

O Salón do Automóbil celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos lucense en dous tramos; desde hoxe e ata o domingo está dedicado a vehículos novos, e entre os días 11 e 15 de marzo aos de ocasión. Ademais, a presente edición introduce como novidade unha programación en directo con música, mesas redondas ou entrevistas a profesionais de referencia do automobilismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026