A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participa no II Cumio Nacional do Litoral

Ángeles Vázquez ofrece en Valencia a Lei galega do litoral como marco de referencia para o deseño da futura normativa estatal de Costas

Lamenta o intento do Goberno central de reformar pola porta de atrás a Lei de Costas a través dunha modificación do seu regulamento sen ningunha reunión, aviso ou notificación previa ás comunidades

Explica que o propio Executivo central recoñeceu ante Europa a dificultade para aprobar unha norma con rango de lei pola falta da maioría parlamentaria necesaria, tal e como recolle un ditame motivado emitido pola Unión Europea

Nese mesmo ditame, recóllese tamén que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico defende criterios máis restritivos nas concesións costeiras e avoga por estender a aplicación da Directiva de servizos ás actividades produtivas

Salienta que as comunidades participantes neste segundo Cumio nacional do litoral pactaron un manifesto que esixe unha nova Lei de Costas, rexeita os regulamentos que impulsa o Goberno central e pide unha reunión urxente da conferencia sectorial

Subliña que, coa aplicación da Loxilga, a Xunta está demostrando que é posible xestionar mellor desde a proximidade, con coñecemento técnico, rigor ambiental e sensibilidade social

Valencia, 6 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ofreceu hoxe a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como marco de referencia para o deseño da futura normativa estatal de Costas.

Durante a súa intervención no II Cumio nacional do litoral, que se celebrou hoxe en Valencia, e no que participaron representantes de sete comunidades costeiras -Galicia, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Cantabria, Baleares e Canarias-, Ángeles Vázquez defendeu a necesidade de reformar a actual Lei de Costas de cara a clarificar competencias, reforzar a seguridade xurídica e consolidar un modelo de xestión integral.

Nesa liña, insistiu en que a nova normativa deberá incorporar a tripla perspectiva ambiental, social e económica -tal e como fai a lei galega-, afrontar con realismo a adaptación ao cambio climático e establecer criterios técnicos respectuosos coa diversidade territorial.

De feito, a conselleira fixo fincapé en que esa reforma se leve a cabo con transparencia e, sobre todo, de forma coordinada entre o Goberno central e as comunidades autónomas. “Precisamos normas claras, estables e consensuadas e iso só pode lograrse mediante unha reforma legal de amplo alcance e un verdadeiro traballo conxunto entre administracións”, subliñou.

Nese senso, lamentou o intento do Goberno central de reformar “pola porta de atrás” esta normativa a través dunha modificación do seu regulamento “sen  ningunha reunión, aviso ou notificación previa ás comunidades”. Ademais, criticou que o Executivo central apelase a un expediente de infracción aberto pola Comisión Europea nesta materia como xustificación para acometer esta reforma.

Ditame motivado sobre o expediente de infracción

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que o que lle pide a Unión Europea a España é modificar certos aspectos da Lei de Costas, advertindo de que unha reforma regulamentaria non sería suficiente. Ademais, nese ditame motivado o propio Executivo central recoñece ante as autoridades comunitarias a dificultade para aprobar unha norma con rango de lei pola falta da maioría parlamentaria necesaria.

A conselleira amosou o malestar por ter recibido ese ditame máis dun ano despois de que fose enviado ao Goberno central -Bruxelas emitiuno en decembro de 2024 e o Executivo central trasladouno a pasada semana- e logo de que durante todo este tempo se lle negase ás comunidades autónomas o acceso ao mesmo.

A maiores, tamén a través dese ditame, as comunidades coñeceron que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico presenta ante Bruxelas por iniciativa propia unha serie de cuestións, como a aplicabilidade da Directiva de servizos ás actividades produtivas, ou a aplicación de criterios máis restritivos no relativo ás concesións na costa. En concreto, plantea a posibilidade de denegar prórrogas ou paralizalas ata a aprobación do novo regulamento nos termos propostos.

Manifesto conxunto

“Protexer non significa xestionar desde a unilateralidade, nin aplicar criterios homoxéneos, restritivos e arbitrarios que non teñan en conta a diversidade territorial, social e económica da costa española”, dixo Ángeles Vázquez, que engadiu que “Galicia non defende nin a especulación nin a degradación, senón que aposta por unha xestión integral, equilibrada e responsable do litoral”.

Así, a Xunta reivindica un modelo de cogobernanza real no que as comunidades participen activamente na definición dos criterios técnicos dos deslindes, na planificación da adaptación climática e na xestión do dominio público marítimo-terrestre. Neste sentido, a conselleira puxo en valor a posta en marcha dun grupo de traballo entre as comunidades costeiras para deseñar con rigor e de xeito coordinado unha nova Lei de Costas que garanta a protección efectiva e o desenvolvemento sostible do litoral.

De feito, as comunidades participantes neste segundo Cumio nacional do litoral -o primeiro celebrouse o pasado mes de novembro en Baiona-, pactaron un manifesto que esixe unha nova Lei de Costas, rexeitar os regulamentos que impulsa o Goberno central e solicita unha reunión urxente da conferencia sectorial á que asista a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen.

Galicia, exemplo de xestión

Durante a súa intervención, a conselleira salientou que desde que a Xunta asumiu a xestión do seu litoral logo do traspaso de funcións e servizos o pasado 1 de xullo, “a costa galega está moito mellor xestionada” con iniciativas como o rexistro de autorizacións e concesións, o decreto de procedemento integrado ou a solicitude única -fronte á disparidade de criterios entre provincias en canto á duración ou taxas a aboar que había antes-.

Ademais, o Goberno galego traballa tamén na posta en valor do patrimonio costeiro con medidas como o deseño do Camiño do litoral, o Catálogo de bens de valor cultural que posibilitará dar novas utilidades a edificacións en desuso, ou a promoción de chiringuitos biosostibles.

Para concluír, a conselleira subliñou que Galicia “está demostrando que é posible xestionar mellor desde a proximidade, con coñecemento técnico, rigor ambiental e sensibilidade social”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026