A Xunta avanza a entrega dunha nova concentración parcelaria no concello de Mesía para o mes de abril
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe co alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, para avaliar vías de colaboración con este municipio coruñés en materia de desenvolvemento rural. Neste sentido, a conselleira avanzoulle que no vindeiro mes de abril entregaranse os títulos da concentración parcelaria de Xanceda-Mesía II, que abrangue unha superficie de máis de 900 hectáreas de 322 propietarios.
Asemade, cómpre lembrar que o Concello de Mesía conta cunha achega aprobada, no marco do Plan Camiña Rural 2025-2026, de máis de 84.000 euros destinados á posta en valor e acondicionamento de vías no seu termo municipal. A finalidade deste tipo de axudas é apoiar os concellos na mellora dos seus camiños, unhas infraestruturas claves na dinamización social e económica do agro, na medida en que contribúen a vertebrar o territorio.