A Xunta convocará un concurso de méritos para renovar a dirección de 146 centros educativos

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, presenta á Mesa Sectorial os detalles da convocatoria

Mudan de directores 52 centros da provincia da Coruña, 20 da de Lugo, 15 da de Ourense e 59 da de Pontevedra

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

 A Xunta convocará un concurso de méritos para renovar a dirección de 146 centros educativos de Galicia. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, presentou hoxe á Mesa Sectorial os detalles da convocatoria, a través da que se seleccionarán as direccións que rematan o seu mandato no curso académico 2025/26 e non solicitaron a correspondente prórroga, así como aquelas que deben ser renovadas por causas extraordinarias.

Do total dos centros que cambiarán a súa dirección, 52 son da provincia da Coruña, 20 da de Lugo, 15 da de Ourense e 59 da de Pontevedra. Por tipo de centro, renóvanse as direccións de dúas escolas de Educación Infantil, un centro de Educación Especial, 71 centros de Educación Infantil e Primaria, cinco centros de Educación Primaria, 17 centros públicos integrados, cinco colexios rurais agrupados, 44 institutos de Educación Secundaria e un Centro Público de Educación e Promoción de Adultos.

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade. Con carácter xeral, para poder optar á dirección dun centro os aspirantes deberán ser persoal funcionario de carreira dun corpo docente, cun mínimo de cinco anos de antigüidade e estar prestando servizo este curso nun centro educativo dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Tamén poderán presentarse aquelas persoas en situación de servizos especiais, excedencia por coidado de  familiares ou en excedencia voluntaria, sempre que se reúnan as condicións para o reingreso no servizo activo.

A maiores, deberán ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva (estarán exentas as persoas que exercesen como directoras de centros docentes públicos, con avaliación positiva, polo menos catro anos) e terán que presentar un proxecto de dirección.

A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase ao departamento territorial da Consellería de Educación da provincia correspondente ao centro ou centros que se opte a dirixir. Acompañarase da documentación acreditativa dos méritos, cursos e proxecto requiridos.

Comisión de selección

En cada centro educativo constituirase unha comisión de selección composta por dúas persoas da Inspección Educativa, un director en activo en centros que impartan as mesmas ensinanzas que aquel no cal se desenvolve o procedemento de selección, tres profesores do centro elixidos polo claustro de profesores, tres membros non docentes do Consello Escolar e os estudantes que, se é o caso, sexan nomeados como representantes do Consello Escolar.

A selección realizarase considerando primeiro as candidaturas do profesorado do centro, que terán preferencia. En ausencia delas ou cando non conten coa puntuación mínima, a comisión valorará as do profesorado doutros centros.

Nos supostos de ausencia de persoas candidatas ou cando a comisión correspondente non seleccione ningunha, a dirección será nomeada pola Consellería, oído o Consello Escolar, por un período de dous anos, entre o profesorado que reúna os requisitos establecidos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026