Medio Rural segue a traballar na creación do Observatorio de Prezos de Galicia
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria mantivo unha reunión con representantes do Goberno da Rioxa, co fin de coñecer o proceso de posta en marcha e funcionamento do seu Observatorio, un dos máis implantados do país
A maiores deste encontro, mantivéronse xa varias xuntanzas con representantes do sector en Galicia, que aportarán os datos para facer un seguimento continuo dos prezos dos diferentes produtos e detectar as alteracións máis destacables
O Observatorio leva implícita a publicación dun sitio web específico onde se poderá consultar a información relevante, cuxa entrada en funcionamento está prevista para o segundo trimestre deste ano
Esta medida forma parte do decálogo impulsado polo Goberno autonómico para defender os intereses do sector primario galego ante as implicacións do tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur
Logroño, 10 de marzo de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, mantivo no día de hoxe unha reunión con representantes do Goberno da Rioxa. Este encontro tivo como obxectivo coñecer de primeira man o proceso de posta en marcha e funcionamento dos observatorio de prezos desta administración, ao ser un dos órganos con maior desenvolvemento, implantación e calidade dos existentes. Esta xuntanza enmárcase dentro das roldas de contactos que se están a manter por parte da Consellería do Medio Rural para desenvolver un Observatorio de Prezos de Galicia.
A maiores deste encontro, mantivéronse xa varias xuntanzas con representantes do sector en Galicia, que aportarán os datos para facer un seguimento continuo dos prezos dos diferentes produtos e detectar as alteracións máis destacables. Cabe sinalar que o desenvolvemento desta actuación leva implícita a publicación dun sitio web específico onde se poderá consultar a información relevante, cuxa entrada en funcionamento está prevista para o segundo trimestre deste ano.
Paquete de medidas ante o acordo UE-Mercosur
O desenvolvemento do Observatorio de Prezos de Galicia forma parte do paquete de medidas impulsado polo Goberno autonómico para defender os intereses do sector primario galego ante as implicacións do tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur. Neste decálogo estaban incluídas varias peticións ao Goberno Central e á Unión Europea, todas elas xa executadas; ademais de compromisos a levar a cabo en Galicia e que están xa en marcha, como pode ser o caso do Observatorio.
Como iniciativas máis destacadas, figuran a elaboración dun Plan Galego de Control de produtos importados; o reforzo da estratexia da promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade; o desenvolvemento dunha estratexia de impulso a exportacións de produtos da nosa comunidade co fin de aproveitar as oportunidades dos novos mercados; ou a realización de campañas de sensibilización entre os consumidores para incrementar o consumo da produción propia.