Medio Rural reforza a súa rede de bases de unidades operativas coa construción dunha nova en Portas

A conselleira María José visitou hoxe o concello para comprobar os avances das obras desta infraestrutura de prevención e defensa contra os incendios forestais, que conta cun investimento de preto de 545.000 euros

A edificación constará de dúas plantas e unha superficie construída de 415 m2 e está previsto que os traballos rematen a finais deste ano

A Consellería destinará máis de 9 millóns de euros este 2026 na construción de novas BUO en Valga, Tui e Bande; así como da base de helicópteros de Lalín e do aeródromo de Valga ou na mellora das instalacións de Campiño e de Antela

Portas (Pontevedra), 10 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, comprobou hoxe os avances das obras da nova base de unidades operativas (BUO) de Portas, coa que se reforzará a rede deste tipo de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés.

Na visita, explicou que será unha edificación de dúas plantas, cunha superficie construída de 415 metros cadrados, na que tanto bombeiros forestais como condutores de motobomba, axentes e outros integrantes do dispositivo, disporán dun espazo dotado con todos os medios e equipamentos necesarios para facer máis eficiente a actuación na loita contra os incendios, ao mesmo tempo que se concilia traballo e descanso. Esta nova BUO conta cun investimento de preto de 545.000 euros.

A Consellería destinará este ano máis de 9 millóns de euros para mellorar a rede de infraestruturas, co obxectivo de reforzar o servizo público de loita contra os incendios. Actualmente hai xa oito BUO xa construídas ou en desenvolvemento, como son as de Rianxo, Mondoñedo, Muíños, Verín, A Veiga e Mos, ás que se suman agora os inicios desta de Portas e a de Valga. Asemade, está prevista a construción de novas BUO en Tui e Bande.

A maiores, este investimento tamén inclúe a construción dunha base de helicópteros de Lalín, que será a máis grande de Galicia, e un aeródromo en Valga. A maiores, está prevista a mellora e ampliación das bases de Campiño, en Pontevedra; e de Antela, en Sandiás.

Máis de 116 millóns de euros na loita contra os incendios

María José Gómez salientou que a loita contra os incendios forestais é unha prioridade para o Goberno galego, á que se destina este ano máis de 116 millóns de euros, dos cales 75,38 millóns son para prevención e os restantes 40,6 para extinción.

Parte do investimento en materia preventiva, en concreto 25 millóns de euros, serán investidos na execución do novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarios asinado con Seaga. A conselleira explicou que, a través deste acordo, apóiase aos concellos e propietarios en materia de prevención para cumprir así coas súas obrigas. Neste senso, lembrou que os concellos que así o desexen, aínda poden solicitar a súa adhesión a este convenio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026