A Xunta e a Fegamp asinan o acordo para poñer en marcha este ano a Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, un avance decisivo na loita contra esta lacra
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP asina co presidente da Fegamp a constitución desta iniciativa para coordinar recursos e accións
Asegura que blindar unha boa convivencia nas aulas é “unha prioridade de país” que se reforza agora coa participación de diferentes administracións
A nova ferramenta permitirá un seguimento sistemático e continuado de posibles casos e unha resposta máis áxil e efectiva coa implicación de todos
A través dela intensificaranse as tarefas de sensibilización, prevención, formación e denuncia, cun apoio conxunto e compartindo boas prácticas
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, veñen de asinar a constitución da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que nace co obxectivo de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación ante calquera problemática deste tipo.
O titular de Educación do Goberno galego salientou que a posta en marcha desta nova rede supón “un importante avance” na loita contra o acoso escolar “cunha abordaxe integral que nos permitirá mellorar a resposta ante estes casos” grazas á participación de todos os axentes implicados como administracións públicas, institucións, centros educativos, docentes, familias e alumnos. Neste senso, Román Rodríguez lembrou que se está traballando tamén para a incorporación da Fiscalía e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. “Todos os esforzos son poucos na loita contra unha lacra que é unha prioridade de país e que esixe tolerancia cero”, abondou o conselleiro.
Non en balde, o Goberno galego leva anos traballando a prol da convivencia nos centros escolares cun amplo abano de iniciativas que se foron intensificando nos últimos cursos e que se reflicten en actuacións específicas como o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, a actualización do protocolo que se debe seguir nestes casos, a prohibición do uso dos móbiles nos recintos escolares, a instalación de Puntos Laranxa, a creación de Equipos ACAE de actuación contra o acoso escolar, a ferramenta Termómetro Acoso Escolar ou o Plan de benestar dixital, entre outros.
Decreto de estrutura e funcionamento
Segundo explicou Román Rodríguez, tras a sinatura do acordo de hoxe, está previsto que no segundo semestre deste ano quede aprobado o decreto a través do cal se dotará á rede dunha estrutura e se regulará o seu funcionamento a través de dous órganos que son o pleno e catro comisións provinciais.
Nestes órganos estarán representados a Xunta a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP; de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Sanidade e de Política Social e Igualdade, a FEGAMP, o Consello Escolar de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Pola súa parte, a Fegamp facilitará aos concellos un procedemento para a súa adhesión á rede. Aqueles que formen parte da mesma poderán asumir un papel activo como coordinadores locais, facilitar a colaboración entre centros educativos, servizos sociais, entidades e outros recursos comunitarios, participar nos espazos de coordinación que se establezan e contribuír ás actuacións consensuadas e recibir apoio técnico para deseñar e planificar iniciativas fronte ao acoso e ciberacoso escolar, reforzando así a súa capacidade de resposta.
Eixos de actuación
A rede centrará a súa actuación en catro eixos principais: a sensibilización, a prevención, a formación e a denuncia. A través dela, poderán artellarse recursos entre a Administración autonómica e as entidades locais, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva ante posibles casos de acoso escolar.
A través dela establecerase un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local mediante os servizos que prestan os concellos.
Entre as súas funcións estarán desempeñar labores de observación, análise, asesoramento, seguimento e difusión de información sobre o acoso escolar, apoio aos concellos adheridos na elaboración de programas e accións para a prevención e intervención, desenvolvemento de plans de formación para o persoal municipal, difusión de iniciativas e actuacións de éxito, ser punto de referencia e consulta para os concellos que precisen orientación na xestión destes casos e fortalecemento da capacidade das administracións locais para intervir de maneira máis precisa e coordinada.
Prevención, detección e abordaxe
Ademais do convenio de colaboración coa Fegamp, establecerase un marco de acordo coa Fiscalía Superior de Galicia e cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que tamén cooperarán nesta nova ferramenta.
Así pois, esta rede vai ter unha importancia estratéxica na medida en que facilitará o traballo conxunto cos distintos concellos de Galicia para abordar de forma integral, coordinada e eficaz as situacións de acoso que se poidan producir.
Neste senso, o obxectivo final é fortalecer a colaboración entre as institucións e entidades para previr, detectar e abordar os casos de acoso e ciberacoso no ámbito escolar. Ademais, actuarase de forma preventiva para garantir o benestar e o desenvolvemento integral do alumando galego nun clima de convivencia positiva.