Martina Aneiros destaca as axudas da Xunta a concellos para actuacións fronte ao cambio climático no humidal da Xunqueira, en Ares
A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o espazo fluvial tras as melloras levadas a cabo grazas a unha achega da Xunta de 180.000 €
A convocatoria deste ano, cun orzamento de 2 millóns de euros, mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 27 de marzo
A orde tamén contempla actuacións recollidas dentro do Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos
Ares (A Coruña), 11 de marzo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Ares o parque fluvial da Xunqueira, onde comprobou o resultado dos traballos de mellora realizados grazas ás axudas autonómicas para a prevención de riscos asociados ao cambio climático.
As actuacións realizadas, que se centraron na recuperación do humidal da Xunqueira, supuxeron a limpeza e conservación dos elementos de conectividade existentes; o desmonte e reposición, con materiais novos, de todos os elementos e sistema do paseo fluvial; a creación de puntos de gozo e observación e a adecuación da contorna natural.
O concello de Ares recibiu para estes traballos, repartidos en tres proxectos, un total de 180.000 euros en achegas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Aneiros destacou que “a conservación e recuperación de lugares como o humidal da Xunqueira son clave para manter os nosos espazos verdes e poder desfrutar deles”.
Convocatoria 2026
A delegada apuntou durante a visita que a nova convocatoria de axudas publicada pola Xunta este ano, con 2 millóns de euros de orzamento total, mantén o prazo de solicitude aberto ata o 27 de marzo. As subvencións, destinadas a concellos, contemplan dúas liñas de actuacións.
A Liña 1, enmarcada no Programa Galicia Refuxio Climático, recolle a aplicación de solucións baseadas na natureza para a prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. Así mesmo, inclúe dous tipos de proxectos, os de tipo A, consistentes en intervencións en espazos públicos orientados a atenuar o efecto illa de calor urbana, e os de tipo B, que buscan o incremento da biodiversidade e o aumento de zonas verdes urbanas.
A Liña 2 contempla as actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade dentro do Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos. Esta liña abarca tres tipos de proxectos: os tipo A, de desenvolvemento de estudos técnicos orientados á identificación efectiva de refuxios climáticos de retención ou de desprazamento/acollida; os tipo B, de desenvolvemento de estudos técnicos orientados á identificación de corredores ecolóxicos que reforcen o papel dos refuxios; e os tipo C, orientados á mellora da funcionalidade de refuxios identificados, incluíndo a posible restauración de zonas degradadas potencialmente valiosas para este fin.
Aneiros apuntou que cada concello pode solicitar un máximo de 3 proxectos, como foi o caso de Ares o ano pasado, que recibirán un importe máximo de subvención do 80% do investimento subvencionable, cun límite de 60.000 euros por proxecto.