Gómez Caamaño remarca que o servizo de urxencias do Hospital de Lugo ten os menores tempos de resposta e é dos mellor valorados do Sergas ao garantir unha atención rápida, segura e de calidade
O conselleiro de Sanidade destaca que a dirección da área sanitaria está a implementar diferentes medidas organizativas dirixidas a mellorar os procesos asistenciais no servizo de urxencias do HULA
Remarca que a dotación de persoal do servizo de urxencias viuse incrementada considerablemente para dar unha mellor atención
Subliña que o servizo conta con máis de 1.000 m2, con zonas diferenciadas para urxencias pediátricas e de adultos, ademais de circuítos específicos para patoloxía respiratoria e non respiratoria
Pon en valor que no servizo de urxencias do HULA traballan máis de 240 profesionais para atender unha media diaria de entre 250 e 270 pacientes
Reitera o compromiso da xerencia da área sanitaria por poñer en marcha todas as melloras abordadas nas diferentes reunións celebradas co persoal e por seguir a avaliar o resultado das mesmas
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou no Pleno do Parlamento que o servizo de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti ten os menores tempos de resposta e é un dos mellor valorados do Servizo Galego de Saúde, ao garantir unha atención rápida, segura e de calidade.
En relación ás demandas formuladas por algún persoal de urxencias, o conselleiro detallou que foron atendidas desde a dirección do centro hospitalario, que tivo reunións con estes profesionais nas que se analizou a situación do servizo.
Nesas xuntanzas, o conselleiro referiu que, entre os temas, abordouse o persoal existente, as quendas de distribución horaria, as presenzas nas diferentes zonas de urxencias, os circuítos asistenciais, ou a relación con outras unidades do hospital.
Tal e como incidiu o conselleiro, desas reunións que amosan a vontade de diálogo da xerencia da área sanitaria, saíron diferentes medidas organizativas dirixidas a mellorar os procesos asistenciais, como é o caso da redistribución da carga de traballo e a mellora do material necesario no servizo.
Incremento de persoal
Gómez Caamaño subliñou que, nos últimos anos, a dotación de persoal do servizo de urxencias do HULA viuse incrementada á par que se aumentou considerablemente a superficie das instalacións, co obxecto de dar unha maior e mellor atención á cidadanía.
O máximo responsable do Sergas puxo en valor que, no servizo de urxencias do HULA, traballan máis de 240 profesionais para atender unha media diaria de entre 250 e 270 pacientes.
No que se refire ao persoal sanitario non facultativo e celadores, a dotación é de 49 celadores (cun incremento de case un 30 %), 63 enfermeiras e 48 técnicos en coidados auxiliares de enfermería. Neste punto, o conselleiro reiterou que o cadro de persoal deste servizo está adaptado á carga asistencial, polo que mantén unha atención normal tanto nas xornadas ordinarias como nas de máis tensión.
Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro destacou que este dispositivo hospitalario conta con máis de 1.000 m2, con zonas diferenciadas para urxencias pediátricas e de adultos, ademais de circuítos específicos para patoloxía respiratoria e non respiratoria.
Tamén puxo en valor a tecnoloxía coa que conta o servizo para prestar unha atención de máxima calidade.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño dixo que o compromiso da xerencia da área sanitaria de Lugo é poñer en marcha todas as melloras abordadas nas diferentes reunións celebradas co persoal e seguir a avaliar o resultado das mesmas.