A Xunta renova o seu apoio á carreira ‘Xacorun’ entre Sarria e Portomarín, que celebra o domingo a quinta edición

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita, organizada pola asociación deportiva Pretorianos Club

Sarria (Lugo), 11 de marzo de 2026

A Xunta renova o seu apoio á carreira Xacorun, que se desenvolve este domingo, 15 de marzo, cun percorrido polo Camiño de Santiago entre Sarria e Portomarín. Arredor de 230 persoas inscribíronse para participar nesta quinta edición.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, interviu hoxe na presentación da proba xunto con representantes da asociación deportiva Pretorianos Club, organizadores do evento; ademais da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López; e membros doutras entidades implicadas.

Haberá tres tipos de carreiras: dúas de 23 quilómetros con saída en Sarria e meta en Portomarín - unha individual e outra por remudas, con intercambio en Mirallos (Paradela) -;  – e unha de 10 quilómetros individual, dende Mirallos ata Portomarín. O itinerario discorre pola ruta xacobea.

Arias felicitou á organización por impulsar un ano máis esta convocatoria, que combina a actividade física coa promoción do Camiño de Santiago e dos demais atractivos que ofrece a zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2026