A Xunta apoia a mellora do equipamento para o servizo ambiental da Mancomunidade do Salnés con achegas que suman 87.000 €

A directora xeral de Administración Local comprobou as prestacións dos vehículos adquiridos nos anos 2024 e 2025 ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que incrementan este ano a dotación a máis de 11,4 millóns de euros

O Goberno galego colabora na compra de diversos vehículos para o uso compartido entre Cambados, Meis, Meaño, A Illa de Arousa, Sanxenxo, O Grove, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa

Cambados (Pontevedra), 12 de marzo de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as prestacións dos vehículos adquiridos pola Mancomunidade do Salnés nos anos 2024 e 2025 co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental. O Goberno galego achegou 87.000 euros para a compra dun tractor, de furgonetas e dun cadriciclo que están xa á disposición do servizo compartido entre Cambados, Meis, Meaño, A Illa de Arousa, Sanxenxo, O Grove, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa para distintas tarefas relacionadas coa protección e mantemento do medio natural.

Deste xeito, o pasado ano adquiriuse un tractor dotado cunha rozadoira lateral para a limpeza de pistas rurais, paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo, entre outras vías. Con el quérese reforzar o parque de maquinaria existente e garantir a cobertura das necesidades de todo o territorio que conforma a Mancomunidade do Salnés. Pola súa banda, o servizo de loita contra a avespa velutina conta cunha nova furgoneta con capacidade para transportar de xeito confortable o persoal, coas ferramentas precisas, nos seus desprazamentos polos concellos e núcleos rurais da comarca onde realizan a súas funcións de vixilancia e control de pragas. A Xunta financiou ambos os vehículos con 48.000 euros.

Este equipamento vén completar o adquirido a través da mesma liña de axudas no ano 2024, cunha achega autonómica de 39.000 euros. Neste caso, por unha banda, dotouse dos medios necesarios o servizo técnico de Calidade da Auga e Control de Vertidos e o Mestre Composteiro para os seus desprazamentos coa compra de dúas furgonetas e, por outra, sumouse un vehículo tipo cadriciclo con accesorios para a realización dos traballos dos peóns ambientais, que lles permite moverse por distintos tipos de terreo.

A directora xeral salientou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental como liña de apoio aos concellos na mellora do medio natural, o que levou ao Goberno galego a reforzar a dotación deste ano a máis de 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias. A Xunta contribúe así aos investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Segundo sinalou, as accións subvencionables deben centrarse na conservación da biodiversidade, no fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e na recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural. A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado.

Compromiso co eido local

Natalia Prieto enmarcou o apoio da Xunta a estas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso público e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico.

A directora xeral apuntou que na concesión de calquera delas teñen prioridade os proxectos presentados por agrupacións de concellos ou mancomunidades, como é o caso da do Salnés. Así, lembrou que o pasado ano o conxunto de nove municipios que a conforman recibiu tamén máis de 300.000 euros para o impulso dun centro loxístico multiservizos, a través da liña de apoio a proxectos municipais estratéxicos. No balance dos últimos anos a contía concedida a través das diferentes medidas supera o millón de euros.

Para a directora xeral, o feito de incentivar as diferentes fórmulas de xestión compartida na prestación dos servizos públicos permite promover unha xestión eficaz e eficiente, así como rendibilizar os recursos das administracións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026