A Xunta licita o contrato de explotación, conservación e mantemento do servicio de auga da plataforma loxística da Plisan

O Goberno galego, a través de Xestur, asume a xestión dos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais ata que se constitúa un consorcio ou entidade xestora que asuma estas funcións

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia, a través de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, ven de licitar o servicio de subministración da auga e o saneamento da Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (Plisan). O contrato terá unha duración de dous anos desde a súa formalización, con opción a unha prórroga dunha anualidade máis. O orzamento de licitación ascende a 1.604.453,47 euros (Ive incluída).

O Goberno galego, en representación dos promotores da Plisan (Xunta de Galicia, Consorcio Zona Franca de Vigo e Autoridade Portuaria de Vigo) asume de xeito provisional e de acordo co reparto de funcións e atribucións feita polos tres socios desta infraestrutura, o encargo da xestión integral do ciclo da auga ata que non se leve a cabo a constitución dun Consorcio de Augas ou entidade xestora equivalente que se faga cargo destas funcións.

De xeito paralelo, a Xunta avanza no proxecto para urbanizar a área Multifuncional Industrial (MI) da Plisan, que conta cunha superficie de 1.072.773 metros cadrados que se destinarán a empresas de transformación, con centros loxísticos propios e relacións sinérxicas co resto da plataforma. Neste senso, o pasado mes de decembro adxudicouse á empresa Proyfe S.L. o contrato para redactar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), que conta cun prazo de execución de 24 meses.

Coa posta en servizo desta área Multifuncional Industrial, a Plisan  pasará dos 3,1 millóns de metros cadrados a alcanzar case 4,2 millóns de metros cadrados.  Na actualidade, está urbanizada a totalidade da Área Loxística Empresarial, con 59 parcelas de uso industrial-comercial, que suman unha superficie de 411.684 m2, nas que se estableceron xa importantes empresas como as conserveiras Albo e Frinsa.

Xunto coas actuacións que está desenvolvendo a Administración autonómica na Plisan, encóntranse actualmente en tramitación os PEOSE do parque empresarial de Fragamoreira (Poio), o parque empresarial de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do parque empresarial do Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa), e Fase II do Campiño (Pontevedra) e a ampliación do parque empresarial de Toedo (A Estrada). Tamén se atopa en tramitación o proxecto de urbanización da Fase IV de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas. En total, a Xunta ten previsto dotar a provincia de Pontevedra de case tres millóns de metros cadrados máis de solo industrial.

Data de actualización: 12/03/2026