Belén do Campo participa no acto académico de entrega de becas e insignias no Colexio Maior La Estila de Santiago

A delegada da Xunta  destacou a importancia das institucións universitarias e dos colexios maiores como espazos de formación integral, nos que, ademais da excelencia académica, se fomentan valores como o esforzo, a convivencia e o compromiso coa sociedade

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026.-

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou, esta tarde, no acto académico de entrega de becas do Colexio Maior  La Estila, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, unha cita xa consolidada na vida universitaria compostelá que recoñece o compromiso académico e persoal dos estudantes.

O acto contou coa conferencia impartida por Jaime Mayor Oreja, exministro do Interior e presidente da Fundación NEOS, baixo o título “A Europa de hoxe e a súa identidade”. Durante a súa intervención, o ponente reflexionou sobre os retos actuais do proxecto europeo e a importancia de preservar os valores que conforman a súa identidade.

No transcurso da sesión procedeuse tamén á imposición das becas de honra, así como das becas e insignias colexiais aos estudantes do centro, nun acto que simboliza a súa incorporación plena á comunidade do colexio maior.

A delegada destacou a importancia das institucións universitarias e dos colexios maiores como espazos de formación integral, nos que, ademais da excelencia académica, se fomentan valores como o esforzo, a convivencia e o compromiso coa sociedade.

Esta xornada reafirma o papel do Colexio Maior La Estila, fundado en 1948, como referente na formación universitaria en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026