O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza)
A Xunta salienta en Lalín os apoios autonómicos ao comercio para fortalecer este sector como clave na xeración de emprego e na dinamización comarcal
José González destacou o impulso do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a competitividade, o pulo á dinamización dos centros comerciais abertos ou o papel vertebrador das prazas de abastos
Destacou tamén a aposta pola profesionalización do sector a través de accións formativas flexibles e de curta duración no ámbito do comercio, así como o impulso dunha imaxe propia para reforzar o posicionamento do comercio local galego
No eido do emprendemento, subliñou o papel central da rede de Polos na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, con tres oficinas na provincia de Pontevedra que xa atenderon en conxunto máis de 1.700 proxectos
Puxo en valor o enfoque facilitador e integral ao colectivo autónomo a través da orde unificada de axudas ao sector, dotada con preto de 41 M€ para acompañar todas as fases do emprendemento
Lalín (Pontevedra), 12 de marzo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe un encontro coa Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza), no que puxo o foco no papel clave do comercio local como xerador de emprego e axente clave no dinamismo económico e social do territorio. A xuntanza —na que tamén estivo presente o alcalde de Lalín, José Crespo—encádrase na rolda de encontros que o responsable autonómico está a impulsar por toda Galicia con empresariado e axentes económicos para presentar as liñas estratéxicas da Consellería para 2026 e coñecer de primeira man os retos, as inquedanzas e tamén as oportunidades que afronta o tecido produtivo e comercial galego.
Neste contexto, González puxo en valor a folla de ruta da Xunta a prol dunha Galicia que forma, retén e suma talento; que aposta polo emprendemento ligado ao territorio; e que entende o comercio local como un piar económico e social esencial. Neste último eido, salientou o traballo que se está a desenvolver ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para afrontar retos como a dixitalización, a competencia das plataformas tecnolóxicas ou a remuda xeracional.
Así mesmo, destacou os apoios autonómicos ao sector comercial para avanzar nestes desafíos, como as liñas orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental do tecido comercial, ás que este ano se destinan preto de 4 millóns de euros. A estas súmanse as axudas para impulsar o labor de dinamización dos centros comerciais abertos, cunha convocatoria este ano dotada con 2,5 millóns de euros e que pecha hoxe. Tamén se inclúen as destinadas a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes, cun investimento de 2,3 millóns de euros.
Ademais, o conselleiro fixo fincapé na importancia da formación no ámbito do comercio para promover a profesionalización do sector, un eido no que o Goberno galego potenciará accións formativas flexibles e de curta duración. Tamén puxo en valor a imaxe propia que a Xunta impulsou a prol do comercio local.
Pulo ao emprendemento e ao tecido autónomo
En paralelo, José González destacou o esforzo da Xunta por fomentar o emprendemento ligado ao territorio, apoiando tanto novos proxectos como a remuda de negocios que forman parte da identidade das vilas e comarcas galegas, contribuíndo así ao seu desenvolvemento económico e social, como é o caso da comarca do Deza.
Neste sentido, salientou a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en fase de consultas, e o papel da Rede de polos de emprendemento como núcleo desta iniciativa. Ao respecto, puxo en valor o traballo dos tres Polos da provincia de Pontevedra —Silleda, Lalín e Vilagarcía de Arousa— que, en conxunto, xa levan atendido máis de 1.700 proxectos.
Ademais, destacou o enfoque facilitador e integral das axudas destinadas ao colectivo autónomo, subliñando os preto de 41 millóns de euros da orde unificada, aberta ata o 30 de setembro e estruturada para cubrir todas as fases do emprendemento: desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, conciliación, remuda xeracional e apoio a quen desexe volver iniciar un proxecto tras unha etapa previa como autónomo.