A Xunta destaca nunha nova edición de ‘Previsel’ a importancia de apostar pola prevención e a autoprotección e pola formación dos servizos de emerxencias
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do 19º Salón da Prevención e Seguridade Laboral, Previsel
O Goberno galego leva a cabo cada ano simulacros para comprobar a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil e conta cun amplo plan de formación continua na Academia Galega de Seguridade Pública para profesionais relacionados cos ámbitos da seguridade e as emerxencias
Ourense, 12 de marzo de 2026
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do 19º Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), que se celebra un ano máis en Expourense co apoio da Xunta e que conta coa presenza no evento da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Na súa intervención, incidiu na aposta do Goberno galego no que se refire coa prevención e o fomento da autoprotección ante as situacións de emerxencia. En concreto, puxo como exemplos a realización de simulacros e exercicios ao longo de todo o ano, coa implicación de diversos profesionais do sector, xunto coa ampla programación formativa impartida pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Nesta liña, a Xunta, como sinalou o director xeral, leva a cabo un importante traballo para comprobar a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil e, así, realizáronse o ano pasado unha ducia de simulacros e simulacións de Plans de protección civil autonómicos. Estes exercicios -sinalou- permitiron que as persoas responsables coñezan e entendan mellor as súas funcións no caso dunha situación de emerxencia, especialmente cando sexa preciso activar un plan de protección civil debido á súa gravidade.
No que se refire á formación, Santiago Villanueva fixo referencia ao plan de formación continua da Agasp que ofrece unha ampla programación ás forzas e corpos de seguridade e servizos de emerxencias que traballan en Galicia para actualizar os seus coñecementos. De feito, este ano a Academia ofrece máis de 530 cursos que suman case 21.000 horas e máis de 17.800 prazas.