O titular de Sanidade supervisou esta mañá no centro de saúde Virxe da Peregrina as melloras que suporá a incorporación desta tecnoloxía para os centros de atención primaria e os servizos de oftalmoloxía
Gómez caamaño avanza a posta en marcha en Pontevedra dun proxecto pioneiro de cribado automático da retinopatía diabética apoiado en intelixencia artificial
O emprego da IA no diagnóstico da retinopatía diabética permitirá mellorar os seus tempos de diagnóstico e evitará derivacións innecesarias a oftalmoloxía
A Xunta está a mobilizar un orzamento de 1,4 M€ de euros para incorporar diversas solucións tecnolóxicas coas que optimizar a eficiencia do sistema sanitario público
O Servizo Galego de Saúde está a impulsar o emprego da Intelixencia Artificial nos seus cribados de cancro de mama, próstata, cérvix, así como na valoración de imaxes de radioloxía simple
Pontevedra, 13 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, presentou esta mañá no centro de saúde Virxe da Peregrina o innovador proxecto de cribado automático de retinopatía diabética que, apoiado na intelixencia artificial, comezará a funcionar de xeito inmediato na área sanitaria de Pontevedra.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria, José Flores, o titular de Sanidade explicou que a aplicación da IA no diagnóstico da retinopatía diabética permitirá avaliar, de forma áxil e segura, a aparición de calquera signo precoz de patoloxía nos pacientes que sofren diabetes e que necesitan un control periódico.
Deste xeito, os pacientes terán un acceso inmediato aos resultados da proba e, naqueles casos nos que a IA detecte algún signo de sospeita patolóxica, rexistrarase unha consulta co oftalmólogo para a súa valoración. A diferenza é substancial con respecto á situación actual, xa que a día de hoxe practicamente todas as retinografías realizadas en atención primaria son remitidas ao servizo hospitalario de oftalmoloxía para a súa interpretación.
Entre as vantaxes desta nova ferramenta destacan: a dotación dun sistema de triaxe automatizado; a redución da carga hospitalaria ao evitar derivacións innecesarias ao oftalmólogo; ou a mellora das coberturas de cribado, ao posibilitar que máis persoas realicen as probas.
“Galicia é líder na regulación da intelixencia artificial e na transformación dixital da Sanidade“, salientou Gómez Caamaño, lembrando que a Xunta está a mobilizar un investimento de 1,4 M€ de fondos europeos para incorporar diversas solucións tecnolóxicas ao sistema sanitario público galego.
En concreto, o Servizo Galego de Saúde está a impulsar o emprego da Intelixencia Artificial nos seus cribados de detección de cancro de mama e próstata, en probas de cribado citolóxico ou na valoración de imaxes de radioloxía simple (tórax, patoloxía osteomuscular e columna).
O titular de Sanidade concluíu a súa intervención recoñecendo o traballo dos profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ao tempo que reafirmou o liderado de Galicia no ámbito da transformación dixital sanitaria.