A Xunta adxudica por 278.000 euros as obras da humanización e mellora do núcleo de Pazo, no concello de Crecente
Trátase de mellorar o pavimento do viario municipal neste núcleo da parroquia de Santa María de Rebordechán, incluíndo a mellora da capa de rodadura e ensanches nalgunhas zonas
Tamén se executará unha senda peonil e abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación
Estas obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e planificación de Infraestruturas, que asume o 75% do orzamento; e o Concello, que achegará o 25% restante
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 278.088,44 euros as obras da humanización e mellora do núcleo rural de Pazo, na parroquia de Santa María de Rebordechán, no concello de Crecente.
Con esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones, Obras y Viales, S.A., proponse mellorar o pavimento do viario municipal que dá acceso ao núcleo rural de Pazo cara ao sur, dando servizo a vivendas e parcelas agrícolas. Este viario é utilizado de forma cotiá pola veciñanza da zona, xa que se trata do acceso máis rápido para chegar á Cañiza e conectar coa estrada N-120 ou ben a autovía A-52.
Así, coa contratación desta intervención trátase de actuar nos puntos nos que o citado viario está en peor estado de conservación, sendo precisa unha actuación integral en determinadas zonas. O tramo obxecto das obras ten unha lonxitude de 458 metros e unha superficie afectada superior a 2.400 m².
En concreto, os traballos consistirán principalmente na mellora da capa de rodadura e aproveitarase para realizar ensanches nalgunhas zonas para mellorar a mobilidade peonil, así como a seguridade de vehículos e peóns usuarios da vía. Ademais, executarase unha senda peonil, abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación.
Este contrato lévase a cabo ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.
Estas actuacións enmárcanse así no acordo de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Crecente. A través deste acordo a Xunta asume o custe nun 75% das intervencións e o Concello achegará o 25% restante.
Con estes traballos o departamento que dirixe María M. Allegue dá resposta a unha solicitude da veciñanza que reside nesta contorna para unha actuación de mellora no núcleo.