A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa directora xeral da Unión Internacional para a Conservación da Natureza
Ángeles Vázquez pon en valor o compromiso da Xunta coa conservación do patrimonio natural de Galicia
Salienta os pasos que o Goberno galego deu nos últimos anos de cara a garantir a conservación da biodiversidade, os hábitats e a riqueza ambiental da Comunidade
A Xunta mantén a súa aposta pola preservación da natureza co impulso da actividade piscícola, a conservación das árbores senlleiras, a protección das especies ameazadas e o fomento do benestar dos animais de compañía
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa preservación do patrimonio natural da Comunidade durante a reunión que mantivo coa directora xeral da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), Grethel Aguilar.
No encontro, a conselleira salientou os pasos que o Goberno galego deu nos últimos anos de cara a garantir a conservación da biodiversidade, os hábitats e a riqueza ambiental da Comunidade. En concreto, Ángeles Vázquez informou á directora da UICN de que tanto o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como os seis parques naturais que hai en Galicia teñen os seus correspondentes plans reitores de usos e xestión, no que se establecen as pautas a seguir para compatibilizar a protección destas áreas co aproveitamento dos recursos naturais e co desfrute por parte da cidadanía.
Ademais, tamén se aprobaron numerosas normativas de carácter autonómico, como as leis de patrimonio natural, de benestar animal, de pesca continental e do clima. Así mesmo, cinco dos oito monumentos naturais galegos xa contan cun plan de conservación; outros dous están en diferentes fases de tramitación -Costa de Dexo e Souto de Rozabales- e este ano está previsto iniciar o procedemento para dotar deste instrumento de xestión ao Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.
A maiores, a Xunta mantén a súa aposta pola preservación da natureza co impulso da actividade piscícola, a conservación das árbores senlleiras e a protección das especies ameazadas. Tamén traballa para garantir o benestar dos animais de compañía a través de axudas para promover a adopción de exemplares abandonados ou a próxima construción dun centro de acollida en Curtis.
Cómpre lembrar que o 42% do territorio galego está amparado baixo algún tipo de figura de protección como as reservas da biosfera ou a Rede Natura 2000, que, cunha superficie de máis de 350.000 hectáreas, sitúa á Comunidade na medida das rexións atlánticas.