A Xunta destaca o escrupuloso coidado na protección da contorna do persoal que realizou os labores de conservación fluvial no río Ventoxo, en Forcarei

Os traballos desenvolvidos enmárcanse na planificación anual que realiza Augas de Galicia para o mantemento das canles fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e incluíron tanto as tarefas de limpeza ordinarias como a restauración do camiño que discorre en paralelo, afectado polas intensas choivas

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

A Xunta destaca o escrupuloso coidado que ten o persoal de Augas de Galicia que realiza labores de conservación e mantemento nos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa para a protección dos valores naturais existentes na contorna, buscando minimizar o impacto neles. Unha boa práctica que se estende a todas as actuacións deste tipo e que se mantivo tamén na executada desde comezos de febreiro ata principios de marzo no río Ventoxo, no concello pontevedrés de Forcarei.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que os traballos, que se desenvolveron nun tramo de máis de 1,1 quilómetros, estaban enmarcados na programación anual do Servizo de Conservación Fluvial de Augas de Galicia. De feito, a intervención formou parte das ordinarias deseñadas para mellorar o comportamento hidráulico da canle ante a presenza de obstáculos que alterar o discorrer normal das augas, incluíndo a retirada de árbores caídas e a acumulación de biomasa que invadían o dominio público hidráulico, así como nas marxes, co fin de evitar atoamentos.

Os traballos realizáronse co máximo coidado para minimizar o impacto na contorna mediante a aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais e o apoio de maquinaria como unha carretilla de carga.

Ademais, as actuacións executadas foran comunicadas previamente ao Concello e Augas de Galicia estivo en contacto en todo momento coa veciñanza e cos representantes das comunidades de montes veciñais das mancomunidades de Ventoxo e San Marcos para mantelos informados. Neste sentido, a maiores dos traballos ordinarios -e dado que as fortes choivas rexistradas neses días enlamaron os camiños e pasos- realizáronse accións de acondicionamento do camiño que discorre paralelo á canle fluvial e tamén de pequenas pontes existentes no seu percorrido.

A Xunta lembra que estes traballos buscan preservar as zonas de acceso, ocasionando as menores afeccións posibles, e que as intervencións deste tipo nos ríos e na súa contorna son vitais para evitar asolagamentos e preservar a seguridade da cidadanía en base ás recomendacións dos técnicos do organismo autonómico encargado de xestionar o dominio público hidráulico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Unha vez finalizadas estas obras programadas, os tramos fluviais nos que se incide quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas. O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2026