A Xunta reivindica o papel feminino na emigración galega na entrega de galardóns ‘A Barca de Sálvora á Muller Galega’

Bos Aires (Arxentina), 15 de marzo de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no Centro Galego de Avellaneda no acto conmemorativo do Día da Muller, no que se fixo entrega das distincións A Barca de Sálvora á Muller Galega, un recoñecemento que destaca o compromiso e a traxectoria de mulleres da colectividade que contribuíron a manter viva a cultura e as tradicións galegas na Arxentina. No evento tamén estivo presente o delegado da Xunta de Galicia no país, Alejandro López Dobarro, xunto a representantes da colectividade e membros da entidade.

Durante o acto foron homenaxeadas tres mulleres pola súa dedicación á vida cultural e asociativa da diáspora galega. Rosa Calo González, emigrada desde Porto do Son sendo moi nova e exemplo de superación e compromiso coa colectividade galega na Arxentina; María Hortensia Arcay Insua, con máis de cincuenta anos de participación activa en actividades culturais e na directiva da entidade; e Araceli Fernández Pena, docente e impulsora de numerosas agrupacións de música e danza tradicional galega na colectividade. Miranda destacou que historias como as destas mulleres representan a forza e o compromiso dunha xeración que fixo da emigración unha ponte permanente entre Galicia e América.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2026