A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe sendas recoñecidas con este distintivo en Sanxenxo, Poio e Marín

A Xunta salienta que Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de España con 44 distintivos

Ángeles Vázquez pon en valor que Galicia volver ser, un ano máis, a comunidade autónoma con máis sendeiros azuis con 72 distintivos dos 194 de todo o país

Sanxenxo conta este ano con nove distintivos, un máis que en 2025, e Poio e Marín repiten con catro rutas cada un con este recoñecemento

A conselleira destaca o compromiso dos concellos para poñer á disposición da veciñanza e dos visitantes estas rutas para gozar da natureza, realizar actividades ao aire libre e contribuír a interpretar ambientalmente a contorna

Sanxenxo (Pontevedra), 13 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de España.

Segundo declarou Ángeles Vázquez durante o izado da bandeira do sendeiro azul da senda litoral Areas-Punta Festiñanzo, no concello de Sanxenxo, a provincia pontevedresa conta este ano con 44 sendas recoñecidas a través deste programa, promovido pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), o que supón 13 máis que en 2025.

A conselleira fixo fincapé en que estes recoñecementos teñen gran relevancia para atraer visitantes a Galicia e promover un turismo de natureza e, á vez, o uso público e sostible dos espazos naturais, promovendo o seu coñecemento a través das múltiples rutas que axudan a percorrelos e coñecer a beleza e rica biodiversidade que albergan.

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor que Galicia volver ser, un ano máis, a comunidade autónoma con máis sendeiros azuis con 72 distintivos. “Temos o 37,1% das 194 rutas galardoadas en todo o país”, dixo a conselleira, que engadiu que “somos, con diferencia, a comunidade española cun maior número de sendeiros azuis”, moi por diante das segundas, a Rexión de Murcia (32) e a Comunidade Valenciana (31).  

Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou o compromiso dos concellos para poñer á disposición da veciñanza e dos visitantes estas rutas para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre, contribuír a interpretar ambientalmente a contorna e concienciar da importancia da súa conservación.

De feito, o concello de Sanxenxo é un dos concellos con máis sendeiros azuis de España, con nove rutas que contan este ano con este distintivo, un máis que en 2025. Así, este ano, ademais do novo recoñecemento ao sendeiro con da Romaíña-con da Ventureira, locen a bandeira azul as rutas dos carballos de Aldariz, do río Pintillón, Canelas-Punta Cabicastro, Montalvo-Major, Paxariñas-Montalvo, Sanxenxo-Portonovo, Sendeiro Máxico da Lanzada e o de Areas-Punta Festiñanzo, que hoxe visitou Ángeles Vázquez.

Este sendeiro en concreto ten unha lonxitude de preto de 1,5 quilómetros e durante o seu percorrido pode contemplarse un complexo dunar, as praias de Areas e dos Mortos e, desde Punta Festiñanzo, tense unha ampla vista do porto de Sanxenxo.

A maiores, esta tarde a conselleira, xunto co delegado territorial, tamén visitou outros dous concellos que contan cada un, un ano máis, con catro sendeiros azuis. En primeiro lugar, achegouse ao porto de Campelo para izar a bandeira azul concedida ao sendeiro litoral de Poio, que ten unha lonxitude de preto de 5 quilómetros e discorre pola ría de Pontevedra. Neste concello tamén contan con este distintivo a ruta dos muíños de Samieira, a senda do Laño e a variante espiritual do Camiño Portugués.

A continuación, Ángeles Vázquez desprazouse ata o concello de Marín, onde izou a bandeira do sendeiro azul da ruta das praias de Marín, que discorre a carón dos areais de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e do Santo, cunha lonxitude total de oito quilómetros. Neste caso, as rutas dos cinco miradoiros, dos montes e praias, e do monte Penizas repiten o recoñecemento como sendeiro azul.

Obxectivos xerais

Cómpre lembrar que o programa Sendeiro Azul premia e recoñece cada ano a recuperación e posta en valor de rutas, sendas e itinerarios peonís mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.

Nesta liña, entre os principais obxectivos da iniciativa inclúense o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.

Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinalización e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2026