A ponte festiva fai precisa a colaboración dos galegos e galegas nas campañas de doazón de sangue
A ADOS convida á cidadanía a participar activamente nesta iniciativa na que as unidades móbiles da Axencia visitarán 35 concellos galegos ao longo da presente semana
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a todos os galegos e galegas a doar sangue nas xornadas previas á ponte festiva do 19 de marzo. O obxectivo desta campaña de doazón pasa por obter ao redor de 400 doazóns de sangue diarias, as precisas para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos.
A coincidencia de datas festivas provoca unha lixeira diminución da participación, repercutindo no estado das reservas dos distintos grupos sanguíneos. Para paliar esta situación, as unidades móbiles da ADOS visitan esta semana 35 concellos galegos, con especial presenza en centros educativos universitarios, polo que o chamamento á participación fai fincapé nos nosos mozos e mozas, animándoos a doar no transcurso dos vindeiros días.
Labor asistencial
Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe desta intensa actividade asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.
Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, as unidades móbiles da ADOS realizarán, no transcurso da presente semana, os seguintes desprazamentos:
|
DATA |
DESPRAZAMENTOS |
|
Luns 16 de marzo |
A Capela, Campus Zapateira (A Coruña), Camariñas, Vila de Cruces, Carnota, Barrio Augas Férreas (Lugo), O Valadouro, Rúa do Paseo (Ourense), A Rúa, O Grove, Gondomar e Barrio Residencial Navia (Vigo) |
|
Martes 17 de marzo |
Campus Esteiro (Ferrol), Campus Zapateira e Barrio Os Mallos (A Coruña), Sigüeiro (Oroso), Facultade Ciencias da Comunicación (Santiago), Facultade de Veterinaria (Lugo), IES Universidade Laboral (Ourense), Allariz, Portonovo, A Guarda e Goián (Tomiño) |
|
Mércores 18 de marzo |
As Pontes, Sada, Cantón-Obelisco (A Coruña), Santa Comba, Praza Roja (Santiago), Praza Maior (Lugo), Celanova, Moaña, Zona Ferraría (Pontevedra) e Rúa Príncipe (Vigo) |
|
Venres 20 de marzo |
A Laracha, Betanzos, Boiro, Coristanco, Padrón, Chantada, Xinzo de Limia, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Barrio Teis (Vigo) |
|
Sábado 21 de marzo |
Boiro, Ordes, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa |
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.