Medio Rural promove os produtos con indicativo de calidade diferenciada en Santiago (é) Tapas
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na entrega de premios deste concurso gastronómico, que fomenta o coñecemento destas elaboracións do agro entre consumidores e profesionais da hostalaría
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou esta tarde na entrega de premios do certame gastronómico Santiago (é) Tapas, celebrada no Auditorio de Galicia, onde destacou o papel deste tipo de iniciativas na promoción dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade diferenciada.
Alemparte sinalou que “eventos como Santiago (é) Tapas permiten achegar os produtos do noso agro ao gran público e poñer en valor a calidade e diversidade das elaboracións galegas a través da creatividade da nosa hostalaría”. Ademais, subliñou que “a colaboración entre produtores e hostaleiros é fundamental para seguir reforzando a presenza dos produtos galegos de calidade na nosa gastronomía”.
No marco deste concurso, a Consellería do Medio Rural entregou un premio específico á mellor tapa elaborada cun produto con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida, certificación ecolóxica ou selo Artesanía Alimentaria. Ademais, distribuíu lotes de produtos de calidade diferenciada entre os establecementos participantes para fomentar o seu uso na hostalaría, así como entre o público participante que completara o tapasporte. Estas accións enmárcanse na iniciativa MercaDO BO, impulsada pola Xunta para promover os produtos galegos con indicativo de calidade diferenciada.