Preto dunha decena de entidades do transporte por estrada reciben apoio da Xunta para impulsar a formación no sector

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde para 2026, dotada con 500.000 euros

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, dotada con 500.000 euros e que nesta convocatoria beneficia nove entidades do sector. O obxectivo é facilitar a adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais.

As actividades formativas abranguen diferentes ámbitos, tales como a formación continua do persoal de condución, CAP, conselleiros de seguridade, a mellora no coñecemento de diferentes idiomas tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais, o transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras e tempos de condución e descanso e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.

Os beneficiarios son colectivos colaboradores da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada. Trátase da Federación galega de transporte de mercadorías (Fegatramer), da Federación galega de asociacións de transportes en autocar (Transgacar), da Federación Apetamcor, da Asociación de empresarios de transportes discrecionais de mercadorías de Pontevedra (Asetranspo), da Federación empresarial de transporte de mercadorías por estrada de Galicia (Fetram), da Asociación de Transporte Urbano Colectivo de Galicia (Urbanos), da Asociación coruñesa de transportes discrecionais e especiais (Acotrades), da Asociación empresarial de aluguer de vehículos con e sen condutor de Galicia (Galeval) e da Federación Unidade Galega de Transportistas (Feugatrans).

A través desta iniciativa, en 2025 realizáronse 195 cursos subvencionados con máis de 2.800 alumnos. A meirande parte das formacións desenvolvéronse na Coruña, con 93 accións e 1.312 alumnos; seguida de Pontevedra, con 68 cursos e 978 alumnos; Ourense, con 19 cursos e 300 alumnos; e Lugo con 15 cursos e 234 alumnos.

Data de actualización: 17/03/2026