Estabilizado o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

O lume quedou estabilizado ás 13.48 horas deste mediodía e segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 15 hectáreas de monte raso

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, quedou estabilizado ás 13.48 horas de hoxe.

O lume iniciouse ás 07.23 horas desta mañá e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor 15 hectáreas de monte raso, todas elas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 5 brigadas e 3 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 17/03/2026