O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, gabou esta mañá o excelente labor dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

A Unidade de Lesionados Medulares da Coruña, primeira de España en lograr o certificado de humanización en coidados críticos HU-CI

O Proxecto HU-CI recoñece de xeito oficial modelos asistenciais nos que se prioriza a dignidade, a empatía e o benestar integral dos pacientes e as súas familias

A unidade de lesionados medulares do Hospital da Coruña acadou o cumprimento global do 84,83 % en boas prácticas de humanización e o 100 % nos criterios básicos

A Coruña, 17 de marzo de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, participou esta mañá na entrega do certificado de humanización HU-CI, no que se recoñece á Unidade de Lesionados Medulares do Hospital da Coruña como referente nacional na atención centrada no paciente.

A Unidade de Lesionados Medulares da área sanitaria da Coruña e Cee marca un novo fito histórico ao converterse na primeira unidade nacional desta especialidade que obtén a certificación de humanización outorgada polo Proxecto HU-CI, un recoñecemento oficial que avala un modelo asistencial que prioriza a dignidade, a empatía e o benestar integral dos pacientes e as súas familias.

Acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, Parada trasladou o recoñecemento da Consellería de Sanidade aos profesionais desta unidade e puxo en valor seu  “excelente traballo", no que combinan a máxima calidade clínica cunha visión profundamente humana.

A obtención deste certificado é o resultado dun camiño iniciado en maio de 2023 coa implantación dun ambicioso plan de humanización. Así, e durante este período, a unidade adaptou as súas estruturas, procedementos e dinámicas de atención aos estándares recollidos no Manual de Humanización en Lesión Medular.

Os indicadores de calidade obtidos reflicten o compromiso do equipo,  ao acadar o 84,83 % de cumprimento global das boas prácticas esixidas, e o 100 % de cumprimento en todas as prácticas cualificadas como básicas.

“No Servizo Galego de Saúde entendemos a innovación asistencial non só como tecnoloxía e coñecemento científico, senón que tamén debe levar aparellado o acompañamento, a empatía e o respecto pola dignidade das persoas”, referiu o responsable sanitario.

Un certificado con nove liñas estratéxicas para o coidado

O modelo de certificado HU-CI baséase en nove piares fundamentais que transforman a estancia hospitalaria.

Entre eles, destacan o benestar do paciente e a súa contorna, a integración da familia no proceso asistencial, a mellora da comunicación, o coidado dos propios profesionais e a atención específica á síndrome post-UCI.

Así mesmo, o plan contempla aspectos críticos como: a planificación do alta para garantir a continuidade dos coidados, a atención ao final da vida e a creación de espazos arquitectónicos e asistenciais máis acolledores.

Este recoñecemento volta a situar de novo ao Servizo Galego de Saúde como referente dentro do Sistema Nacional de Saúde, reforzando a estratexia da Xunta de Galicia de avanzar cara a unha sanidade máis próxima e máis centrada nos pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026