Medio Rural e a Fundación Juana de Vega colaboran a prol da recuperación da oliveira en Galicia

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo unha reunión con representantes da Fundación Juana de Vega para afondar na súa colaboración a prol da recuperación da oliveira en Galicia. A Axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, está a cooperar co Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, que ten o obxectivo de optimizar técnicas de estaca clásica e micropropagación in vitro para a multiplicación a grande escala de 11 variedades únicas de oliveiras.

Neste sentido, desde o Goberno galego estase a traballar tamén para favorecer o desenvolvemento das variedades autóctonas de oliveira en Galicia e este mesmo ano iniciarase a produción de plantas certificadas como variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño, en Salceda de Caselas, para que os produtores poidan dispoñer delas e seguir estudándoas. En concreto, empregaranse catro destas variedades, das cales hai unha que xa está identificada xeneticamente como única en Galicia polo Banco Mundial de Xermoplasma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026