Román Rodríguez destaca a Feira de Educación de Lugo como unha oportunidade para orientar á mocidade da provincia na escolla do seu futuro

O conselleiro salienta a importancia de ofrecer “unha orientación profesional integral para que os rapaces tomen decisións nunha etapa crucial das súas vidas”

A cita reúne 42 expositores con información das distintas opcións de formación, incluíndo a participación de 23 centros de ensino da provincia

Prevese que máis de 8.000 persoas visiten a feira, que forma parte do programa Galicia Educa impulsado pola Xunta de Galicia

Lugo, 17 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a III edición da Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo, unha cita na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

Román Rodríguez destacou esta feira como “unha gran oportunidade para orientar á mocidade na escolla do seu futuro”. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta salientou a importancia de ofrecer “unha orientación profesional integral para que os rapaces e as familias tomen decisións nunha etapa crucial das súas vidas”.

Para iso, nos 42 expositores do evento ofrécese información detallada sobre as distintas alternativas formativas existentes en Galicia, a través dun espazo propio da Consellería no que se presenta a oferta de FP. Ademais, unha vintena de institutos e centros integrados de Formación Profesional da provincia amosan as súas iniciativas neste eido e os ciclos que se poden estudar neles. Ademais, presentan as súas opcións de formación a Escola Oficial de Idiomas de Lugo, o Conservatorio Profesional de Danza, o Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Ampla participación e posibilidades

Ademais, a feira conta coa participación das tres universidades públicas galegas, a UNED de Lugo e outras entidades e institucións, como a Policía Local, a Garda Civil e diferentes organismos públicos e sociais vinculados ao ámbito educativo e profesional.

Conta, igualmente, cun expositor dos Polos de Emprendemento a cargo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e outro do Carné Xove, que posibilita a expedición inmediata do mesmo, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A feira permanece aberta hoxe e mañá e a previsión é que a visiten máis de 8.000 persoas.

O conselleiro de Educación lembrou que a cita lucense forma parte do calendario de feiras Galicia Educa impulsado pola Xunta de Galicia, que este ano inclúe 16 eventos en diferentes puntos da Comunidade e “funcionan como un escaparate do talento e da capacidade innovadora dos centros, ao reunir nun mesmo espazo proxectos pedagóxicos, iniciativas tecnolóxicas e experiencias creativas impulsadas polo alumnado”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026