O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuniuse cos responsables das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco e a de facultativos de atención primaria
Gómez Caamaño indica que en dous días de folga de facultativos esta semana se suspenderon case 23.000 actos médicos, dos cales 432 son cirurxías
Entre o luns e o martes deixaron de realizarse 12.264 consultas hospitalarias, 4.483 consultas en atención primaria e 1.347 probas diagnósticas
A Xunta insiste na necesidade de que o Goberno de España teña en conta as peculiaridades do persoal facultativo e as aborde cos médicos nun marco de negociación específico
O conselleiro de Sanidade lembra a prioridade do Goberno galego de reformar a atención primaria, para o que xa hai meses que está traballando con cinco formacións sindicais
Traslada a vontade da Consellería de dialogar cos sindicatos CIG e O’Mega para abordar aos paros en atención primaria
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, trasladou hoxe os datos de actividade suspendida pola confluencia da folga contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central e a de atención primaria convocada polo sindicato O’Mega. Así, nas dúas primeiras xornadas desta semana, entre o luns e o martes, tiveron que ser suspendidos 22.947 actos médicos, dos cales 432 son operacións cirúrxicas.
Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantivo unha nova reunión cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto das folgas.
Tras a xuntanza, o conselleiro de Sanidade detallou que, entre este luns e martes, deixaron de realizarse 12.264 consultas hospitalarias, 4.483 consultas en atención primaria e 1.347 probas diagnósticas. O Servizo Galego de Saúde abordará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible.
En canto ao seguimento da folga na xornada de hoxe mércores, Gómez Caamaño sinalou que foi similar ao de días anteriores, cun 18,9 % entre atención primaria e hospitalaria.
O maior seguimento en atención hospitalaria rexistrouse no Complexo Hospitalario de Vigo, cun 30,80 % e o menor, no Hospital Público do Barco de Valdeorras, cun 6,56 %. En atención primaria, a área con máis seguimento foi a de Pontevedra e O Salnés, con 7,11 %; e a que menos a de Lugo, cun 2,15 %.
Gómez Caamaño insistiu na necesidade de que o Ministerio de Sanidade teña en conta as peculiaridades do persoal facultativo e as aborde cos médicos nun marco específico.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade citará en breve aos sindicatos O’Mega e CIG, que teñen convocadas folgas en atención primaria, para abordar as súas demandas. Gómez Caamaño reiterou que moitas das cuestións trasladadas xa foron resoltas e reiterou que a reforma da atención primaria é prioritaria para a Xunta e está a ser negociada con cinco formacións sindicais co obxectivo de definila antes do verán.