A Xunta instalará un novo aseo adaptado no Colexio Plurilingüe San Xoán Bautista de Cerdedo-Cotobade

O director xeral de Centros Humanos, Jesús Álvarez, visita o centro xunto co alcalde, Jorge Cubela, e reúnense coa Anpa para analizar a atención á diversidade

Cerdedo-Cotobade, 18 de marzo de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai instalar un novo aseo adaptado no Colexio Plurilingüe San Xoán Bautista, en Cerdedo-Cotobade, cun investimento de arredor de 6.000 €. Así o comunicou esta mañá o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, nunha visita ao centro co alcalde, Jorge Cubela. 

O obxectivo desta intervención, segundo destacou, é mellorar as condicións de accesibilidade do colexio, en prol do avance cara a un ensino totalmente inclusivo. A previsión é que a nova dotación estea rematada e lista para o seu uso antes do inicio do vindeiro curso escolar

Tras a visita ao colexio, o representante da Xunta e o alcalde de Cerdedo-Cotobade reuníronse coa Anpa do CEIP Plurilingüe San Xoán Bautista no Concello. No transcurso do encontro analizouse a atención á diversidade do centro, entre outras cuestións de funcionamento diario da actividade lectiva. 

Reparacións en Tenorio

Cómpre lembrar que a Xunta está tamén a investir 472.000€ na reparación dos danos causados polo incendio acontecido o pasado 11 de febreiro no CEIP Plurilingüe de Tenorio, tal e como se informou este luns no Consello da Xunta. O lume tivo orixe na batería eléctrica dunha máquina cortacéspede gardada nun almacén próximo á zona de cociña e comedor e afectou principalmente esa zona e a varios espazos do centro educativo. A previsión é que os traballos de recuperación se estendan ata o mes de maio. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026