Medio Rural fomenta o coñecemento do sector forestal na mocidade coa celebración do Día da Árbore

A conselleira asistiu hoxe a esta actividade, que tivo lugar no Viveiro público de Sambreixo en Guitiriz e na que participou o alumnado de 1º da ESO do IES Poeta Díaz Castro

María José Gómez explicou que con este tipo de accións formativas procúrase comunicar, divulgar e sensibilizar sobre a importancia do monte galego, consolidado como unha fonte de recursos naturais e un motor económico

Os rapaces realizaron tarefas de orientación, plantaron árbores e sementes, desenvolveron traballos de caracterización de ecosistemas e avaliaron as súas condicións

A titular de Medio Rural puxo en valor o traballo desenvolvido por este viveiro, que conta cunha superficie de 17,75 hectáreas, e cuxa actividade principal é a conservación ou mellora dos recursos xenéticos forestais

Este é un dos oito viveiros forestais dependentes da Xunta, que na actualidade producen unhas 20.000 plantas de frondosas autóctonas e que están a ser mellorados a través dunha planificación estratéxica específica

Guitiriz (Lugo), 18 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, asistiu hoxe a un acto conmemorativo con motivo do Día da Árbore no Viveiro público de Sambreixo, no concello lucense de Guitiriz. Esta actividade, na que participou o alumnado de 1º da ESO do IES Poeta Díaz Castro, ten como obxectivo fomentar a cultura forestal entre as xeracións máis novas, aproveitando a celebración desta efeméride este sábado, 21 de marzo.

Gómez explicou que con este tipo de accións formativas procúrase comunicar, divulgar e sensibilizar sobre a importancia do monte galego, consolidado como unha fonte de recursos naturais e un motor económico e de desenvolvemento do medio rural. Baixo estas premisas, os rapaces participaron en diversas propostas organizadas pola Consellería.

Así, realizaron tarefas de orientación a través das cales tiveron que localizar as parcelas nas que se ían levar a cabo as actividades. En primeiro lugar, fixeron unha plantación de sementes de especies como carballos ou castiñeiros, algunhas das máis comúns nos ecosistemas forestais galegos.

Ademais, desenvolveron traballos de caracterización do ecosistema e aprenderon a medir os parámetros básicos dunha parcela forestal, como o número de árbores ou os seus diámetros e alturas, xa que coa análise destes datos poderán predicir a evolución do bosque e cuantificar o valor dos seus recursos. Na terceira e derradeira parcela, o alumnado tivo a oportunidade de avaliar que condicións do bosque son necesarias para asegurar unha boa saúde e vitalidade dos ecosistemas. Por último, fixeron unha plantación de árbores acompañados pola conselleira.

Oito viveiros públicos con 20.000 plantas de frondosas

A conselleira do Medio Rural aproveitou esta visita para poñer en valor o traballo desenvolvido polo Viveiro de Sambreixo, que conta cunha superficie de 17,75 hectáreas, cuxa actividade principal é a conservación ou mellora dos recursos xenéticos forestais. Deste total, arredor de seis hectáreas están destinadas a áreas de cultivo con hortos sementeiros, mentres que a superficie restante acolle masas de frondosas.

O de Sambreixo é un dos oito viveiros forestais dependentes da Consellería do Medio Rural e que na actualidade producen unhas 20.000 plantas de frondosas autóctonas. Gómez salientou que o labor que levan a cabo é fundamental, motivo que propiciou a posta en marcha dun plan específico, co obxectivo de xerar planta divulgativa, conservar recursos xenéticos e apoiar políticas ambientais.

Esta estratexia inclúe tanto actuacións en Sambreixo como no dos Trollos, en Bóveda; Santa Cruz, en Oleiros; A Falmega, en Oroso; ou A Chaira, no Pereiro do Aguiar. Tal e como salientou a conselleira, “estamos a realizar melloras estruturais nas súas instalacións e mantemento de hortos e sementeiros, así como produción de sementes de alto valor xenético”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026