O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto de presentación celebrado hoxe no Auditorio Municipal de Rianxo

Elefante Elegante estrea en Galicia a comedia xestual para público familiar `Coralinda´, producida co apoio da Xunta

A compañía conta cunha achega plurianual de 100.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o período 2024-2026

Despois da estrea absoluta en Portugal o pasado 14 de marzo, esta coprodución internacional amosarase ao público galego en Rianxo mañá sábado

Cunha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados, aborda a emigración ou o medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción

Rianxo (A Coruña), 20 de marzo de 2026

A compañía Elefante Elegante presentou hoxe no Auditorio Municipal de Rianxo o seu novo espectáculo, Coralinda, unha coprodución galego-portuguesa dirixida ao público infantil e familiar, que aborda temas como a inmigración e o medio ambiente a través dunha posta en escena chea de humor e ao estilo dos debuxos animados. O espectáculo, que contou co apoio da Xunta de Galicia para a súa creación, terá a súa estrea galega mañá nese mesmo escenario rianxeiro ás 19,00 h., despois de que o público portugués a vise o pasado sábado na localidade de Tondela, sede do colectivo luso Trigo Limpo Teatro Acert.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta nova montaxe, nun acto no que tamén interviñeron responsables municipais dos concellos de Rianxo, Culleredo e Carral, colaboradores co proxecto, ademais de membros do equipo artístico da compañía que lideran María Torres e Gonçalo Guerreiro.

Facilitar a actividade escénica continuada

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a traxectoria de xa máis de 25 anos desta formación, caracterizada polo seu estilo propio dun teatro físico de gran plasticidade, así como o seu papel no desenvolvemento do teatro galego contemporáneo, ao tempo que salientou o apoio institucional á súa actividade. Neste sentido, Elefante Elegante conta cunha subvención plurianual de 100.000 euros concedida polo Goberno galego a través das axudas á creación escénica para o período 2024-2026.

Este tipo de apoio, explicou Sutil, “busca facilitar a planificación a medio prazo das compañías consolidadas do sector, contribuíndo tanto a manter as súas estruturas e a produción de novos espectáculos como a súa exhibición e circulación polos escenarios galegos”. Así, por medio desta canle, Elefante Elegante xa montou o pasado ano o seu anterior espectáculo, Alta costura, e mantivo a distribución doutras propostas do seu repertorio, como son Kyoki, Alma de tigre e Cubo.

Teatro xestual e de obxectos para a partir dos tres anos

Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil (a partir dos tres anos). A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá.

Trátase dunha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar, de maneira accesible e sensible, sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra na procura de mellores condicións de vida.

Pablo Sánchez, María Torres e Sofía Espiñeira son os intérpretes de Coralinda. María Torres e Gonçalo Guerreiro asinan a dramaturxia, Gonçalo Guerreiro tamén a dirección de escena e a escenografía, Diego Valeiras o vestiario, Carolina Díguele a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro a composición musical e Paulo Nieto a iluminación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2026