A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou unha das intervencións que se están a levar a cabo no lugar de Vilarmaior a raíz dos incendios de 2022

A Xunta ultima as actuacións para a recuperación integral dos bosques do Courel cun investimento comprometido de máis de 800.000 €

Ángeles Vázquez explica que no marco do plan deseñado pola Comisión interdisciplinar para a rexeneración deste espazo natural xa se executaron traballos por case 590.000 € e prevese completar os que quedan pendentes no mes de xuño

Pon como exemplo o Souto da Devesa, un espazo de 25 hectáreas no que se están retirando exemplares mortos e especies invasoras ademais doutros tratamentos silvícolas co fin de devolverlle o seu vigor a un dos bosques representativos da zona

Lembra que, a maiores, a Xunta asinou en xaneiro un convenio coa Fundación Reina Sofía para colaborar na restauración de espazos protexidos danados polos incendios de 2025 que beneficia á Reserva de biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel

Folgoso do Courel (Lugo), 20 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia está a ultimar a execución dun paquete de actuacións na Serra do Courel co fin de garantir a rexeneración integral deste espazo natural a raíz dos incendios forestais que afectaron á zona en xullo do ano 2022.

Cun investimento total de 802.546 euros e unha planificación plurianual, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe un dos puntos nos que se está traballando actualmente: o Souto da Devesa. Segundo explicou, trátase dunha masa boscosa de 25 hectáreas de superficie que se viu afectada polo lume no verán de 2022 e no que se están retirando exemplares mortos, eliminando especies alóctonas invasoras e executando tratamentos silvícolas co fin de devolverlle o seu vigor a un bosque de castaños tipo e representativo da paisaxe desta zona.

Tras lembrar que esta actuación se enmarca no plan integral deseñado no seu día pola Comisión interdisciplinar para a rexeneración do Courel —que precisamente se reuniu esta mañá para facer balance das medidas adoptadas—, a responsable autonómica explicou que os traballos previstos na zona avanzan a bo ritmo, con investimentos xa executados por parte da Xunta por un importe de case 590.000 euros.

De feito, unha das dúas grandes encomendas realizadas pola Consellería nos últimos anos para canalizar as actuacións de conservación, restauración e mellora dos valores naturais na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e Courel xa está completamente executada. En canto ao segundo encargo, con horizonte temporal 2025-2026 e entre as que figura a intervención no Souto da Devesa e outra no erbedal da Volta de Su Castro, ambas no lugar de Vilamor, Ángeles Vázquez avanzou que xa se completou o 45% das accións previstas e que o resto, estará rematado no mes de xuño.

Cómpre lembrar que a Comisión interdisciplinar para a recuperación integral do Courel foi constituída no ano 2022 co fin de definir a folla de ruta a seguir para acadar a rexeneración ambiental e paisaxística do territorio afectado polos lumes nesta zona a través dunha serie de accións coordinadas e desde diferentes eidos.

Por este motivo, está integrada por expertos en distintas materias co obxectivo de que as medidas e accións que se acometan sexan froito dunha visión e perspectiva globais. Así, ademais de responsables da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Concello de Folgoso do Courel, tamén forman parte da comisión representantes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, da Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, profesionais dos eidos da bioloxía, do paisaxismo e da arquitectura, así como membros da asociación de veciños.

En todo caso, e á marxe das medidas impulsadas nos últimos anos no seo desta comisión, a Xunta segue a promover liñas de axudas e iniciativas de colaboración con outras entidades co obxectivo común de conservar ou restaurar espazos naturais localizados nesta mesma zona.

Así, a conselleira lembrou que en xaneiro deste ano a Fundación Reina Sofía e o seu departamento asinaron un convenio para colaborar na restauración de espazos naturais protexidos afectados polos incendios, entre eles, a Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Ademais, tamén incidiu en que o pasado verán, ao igual que fixera en 2022, convocou unha liña de axudas dirixida aos concellos para apoialos cos custos de reparación de infraestruturas públicas danadas dentro da Rede galega de espazos protexidos, unha liña de achegas á que se acolleu o concello de Sober.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2026