O conselleiro de Sanidade e a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade saudaron esta mañá aos peregrinos de AEDAF que iniciaban a última etapa do Camiño
Gómez Caamaño traslada o seu apoio aos peregrinos da Asociación Española de Anxioedema Familiar que camiñan pola visibilidade desta enfermidade rara
A Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030 busca optimizar o acceso ao diagnóstico, asistencia e coidados avanzados no sistema sanitario público ás persoas que padecen este tipo de enfermidades
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, trasladou hoxe o seu apoio aos peregrinos da Asociación Española de Anxioedema Familiar (AEDAF), que camiñan pola visibilidade desta enfermidade rara.
Gómez Caamaño, acompañado da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, saudou en Lavacolla aos membros da Asociación que iniciaban esta mañá a última etapa do Camiño de Santiago.
O obxectivo desta peregrinación, que celebra na súa 5ª edición coa participación de ao redor de 50 persoas, é difundir o coñecemento sobre esta enfermidade e facer unha chamada de atención coa vista posta no Día Mundial do Anxioedema Hereditario, que ten lugar cada 16 de maio.
O anxioedema é unha enfermidade rara de orixe xenética caracterizada por producir episodios recorrentes de inflamación (edema) en pel, mucosas, vías respiratorias ou tracto dixestivo.
A Xunta aprobou o pasado mes de xullo a Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, unha folla de ruta coa que busca optimizar a asistencia e os coidados que o sistema sanitario público lle presta ás persoas que padecen este tipo de enfermidades. A estratexia está dotada cun orzamento de 400 millóns de euros para os vindeiros cinco anos, e, por medio dela, a Consellería de Sanidade impulsa unha serie de medidas que perseguen optimizar os tempos de diagnóstico e facilitar o acceso aos tratamentos.