A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nunha xornada sobre a oficina de cambio climático da Autoridade Portuaria de Vigo

A Xunta destaca a importancia da colaboración público-privada para que Galicia avance na acción climática e nas prácticas sostibles

Ángeles Vázquez pon en valor o labor do porto de Vigo no apoio ao tecido empresarial co fin de alcanzar a excelencia no camiño da transición ecolóxica e para mellorar a súa competitividade

A conselleira lembra que Galicia aspira a reducir un 75% as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030 e a acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes da meta fixada por Bruxelas neste eido

O Executivo galego incide en que o cambio climático é o maior desafío global na actualidade e que supón unha oportunidade histórica para modernizar a industria, combinando a protección da contorna coa creación de emprego e riqueza

Vigo, 24 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia da colaboración público-privada para que Galicia avance de xeito sólido na acción climática e no desenvolvemento de prácticas sostibles en todos os eidos. Así o destacou durante unha xornada sobre a oficina de cambio climático creada pola Autoridade Portuaria de Vigo hai algo máis dun ano e que axuda ás empresas a avanzar na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e na loita contra o quecemento global.

A responsable autonómica puxo en valor a oportunidade deste evento -coincidindo coa celebración o vindeiro xoves do Día Mundial do Clima- e o labor transcendental que ten o porto de Vigo no apoio ao tecido empresarial co fin de alcanzar a excelencia no camiño da transición ecolóxica. Neste sentido, incidiu en que a Autoridade Portuaria de Vigo ten un papel vital na actividade económica de Galicia -referente a nivel autonómico, nacional e europeo- e contribúe en gran medida a impulsar a competitividade das empresas aproveitando ao máximo as oportunidades que ofrecen os fondos europeos en distintos ámbitos como a loita contra o cambio climático e a descarbonización.

Nesta liña, subliñou que a oficina posta en marcha polo porto de Vigo conta cun enfoque integral e transversal, que abarca desde a eficiencia enerxética ata a mobilidade sostible, pasando pola redución de emisións ou a dixitalización. Un compromiso coa acción climática, salientou Ángeles Vázquez, que coincide co do Executivo galego.

De feito, a conselleira lembrou que Galicia aprobou recentemente a Lei do Clima co obxectivo de chegar a 2030 cunha redución do 75% nas emisións de gases de efecto invernadoiro e cunha xeración eléctrica renovable do 85%. O fin último é acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes da meta fixada por Bruxelas neste eido.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, subliñou que para avanzar nesta cuestión a comunidade está a traballar en distintas iniciativas. Precisamente, vai ser a primeira de España en poñer en marcha un mercado voluntario de créditos de carbono, que impulsará proxectos para captar ou evitar as emisións de dióxido de carbono, unha ferramenta que se porá en marcha a través do proxecto SICLE CO2.

Nesta liña, Ángeles Vázquez incidiu na transcendencia de que as iniciativas postas en marcha polas distintas institucións para facer fronte ao quecemento global -como a oficina creada pola Autoridade Portuaria de Vigo- teñan como sinal de identidade a capilaridade, garantindo así que chegan ao conxunto do tecido produtivo.

Por iso, lembrou aos representantes públicos e privados presentes na xornada que o cambio climático é o maior desafío global na actualidade e que supón unha oportunidade histórica para modernizar a industria, combinando a protección da contorna coa creación de emprego e riqueza.

Data de actualización: 24/03/2026